A SGHN presentou sendos escritos a Augas de Galicia (Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural), solicitando a
anulación das concesións das minicentrais hidráulicas Corope e Eiras II , no
río Oitabén, sitas nos concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior (expediente
PO/1/130 aproveitamentos hidroeléctricos no río Oitavén: Eiras II e Salto de
Corope, nos Concellos de Ponte Caldelas e Fornelos de Montes). Ver PDF.
Gracias ó traballo e información do grupo Asemblea do Suído, sabemos
que no tramo afectado pola futura construción do edificio da minicentral (50
metros de explanada) do aproveitamento Eiras II contén un túnel que alberga
unha colonia de morcegos, con máis dun cento de individuos e con cinco
especies ocupando dito refuxio: Miniopterus schreibersii (Kuhl, 1819), Rhinolophus ferrumequinum (Schreber, 1774), Myotis myotis (Borkhausen,
1797), Myotis daubentonii (Kuhl, 1817) e Myotis escalerai Cabrera, 1904.
Tres destas especies de morcegos están catalogadas como VULNERABLES no
Catálogo Galego de Especies Ameazadas de Galicia e se atopan no ANEXO II
(especies animais e vexetais de interese comunitario que para a conservación
e necesario designar zonas especiais de conservación) da Lei 42/2007, de 13
de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e estan incluídas no
Anexo II da Directiva 92/43/CEE, para os que é necesario designar zonas
especial conservación e que son Miniopterus schreibersii, Rhinolophus
ferrumequinum e Myotis myotis e tamén se atopan dúas das catro especies
contempladas no Plan de conservación dos morcegos cavernícolas en proceso de
elaboración pola Consellería de Medio Rural e que son Miniopterus
schreibersii e Rhinolophus ferrumequinum.
O espazo onde se localiza o refuxio de morcegos, foi seleccionado no ano
2008 para a ampliación da Rede Natura 2000 dentro da Lista da Rexión
Atlántica, contando co código de identificación ES1140021 LIC Río
Verdugo-Oitavén.
Por estes motivos e dada a incompatibilidade da actividade proxectada da
construción das minicentrais Eiras II e Salto do Corope coa conservación de
dito refuxio, solicitouse a anaulación das concesións e a non autorización
da construccións das minicentrais ou outros elementos que poidan destruir a
zona. |