logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Unhas obras en Ourense ameazan un fento en perigo crítico

Ourense, 15-10-2012

SGHN-Delegación de Ourense ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e ao Concello de Ourense (PDF) que adopten de inmediato todas as medidas para garantir a conservación da poboación de Marsilea quadrifolia existente en Bóveda (Concello de Ourense).

Marsilea quadrifolia é unha especie de pequeno fento acuático incluido no Anexo I do Convenio de Berna, nos Anexos II e IV da Directiva Hábitat, recollida como “En perigo de extinción” no Catálogo Español de Especies Ameazadas (RD 139/2011), actualmente considerada Extinto en estado silvestre a nivel rexional -España e “taxón prioritario” no “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España” (Bañares et al., 2004).

Na parcela pertencente ao Centro de Reproducción de Especies Amenazadas Félix Rodríguez de la Fuente en Bóveda (Concello de Ourense), existe unha poboación de Marsilea quadrifolia identificada por diversos especialistas en botánica, tanto de Galicia como do Real Jardín Botánico. Pero o pequeno humidal estacional ocupado por dita poboación de Marsilea quadrifolia estase a ver ameazado polo emprego masivo de explosivos para a excavación e construción dun gran depósito para abastecemento de auga na parcela colindante, a menos de 60 m de distancia ao S-SE.

SGHN-Delegación de Ourense entende que, tanto se se trata dunha poboación natural como no caso de que fora unha poboación introducida en épocas recentes (algo que só poderán dilucidar con certeza os especialistas con técnicas paleoecolóxicas e de caracterización xenética da poboación), é de aplicación o principio de cautela polo cal as autoridades competentes deben tomar todas as medidas preventivas para garantir a conservación de dita poboación de Marsilea quadrifolia.