logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

 

Sobre o lobo de Westerwald e os lobos de Galicia

Santiago, 26-01-2017

En 1886 matárase o último lobo de Westerwald, unha pequena cadea montañosa do occidente de Alemaña, a medio camiño entre Fráncfort e Colonia. Cento trinta anos despois chegou á zona un lobo que sobreviviu a un atropelo, curando de xeito natural unha pata rota, pero non ao disparo dun cazador dous anos despois, o 20/04/2012.

Paga moito a pena ler o resume en castelán que Caroline Waggershauser realizou do extenso artigo Wölfe im Westerwald. Verfolgt bis in die Gegenwart - Ein Plädoyer für Akzeptanz sobre estes feitos escrito polo Dr. Frank G. Wörner en 2013, e comparalo co que está a acontecer en Galicia cos lobos, como se recolle na entrevista a Felipe Bárcena, un dos socios máis antigos de SGHN, publicada en El Correo Gallego e que se pode ler premendo AQUÍ ou na imaxe da dereita.

A versión oficial da situación do lobo en Galicia pódese descargar premendo AQUÍ.

SGHN demanda outra vez á Xunta copia das análises xenéticas dos supostos lobos híbridos

SGHN ven de solicitar de novo á Xunta de Galicia (ver PDF) copia dos resultados das análises xenéticas realizadas a todos os lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza; información que xa solicitara con data 30-11-2011 (ver PDF) e que non se incluiu na resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza de data 21-12-2011. Ademais, SGHN solicitou tamén:

  • Información detallada de:
    • Cantos permisos, autorizacións e/ou licencias provisionais para capturar ou abater lobos ibéricos (Canis lupus signatus) se expediron en 2012 no Barbanza e no resto de Galicia, así como localización, extensión e condicións esixidas e capturas realizadas.
    • As medidas adoitadas para garantir o control e seguemento das batidas.
    • Cantos lobos, cans de orixe doméstica ou “híbridos” se cazaron legalmente dende setembro de 2011, así como localización, sexo, idade e copia das análises xenéticas de cada un deles para detectar hibridación.
    • O mesmo para os espécimes atopados mortos sen que existira autorización para abatelos e causa da morte (veleno, lazo, iñorado, etc).
  • Coñecer se a Consellería de Medio Ambiente preveu ou planificou, e de que xeito, a xestión e manexo dos exemplares abatidos ou capturados nos controis autorizados.
  • Coñecer se foron realizadas investigacións ou pescudas para determinar a veracidade das afirmacións sobre a presencia de “híbridos” de lobo en Castro de Rei ou calquera outra localidade de Galicia.

 

Solicitude de cese das batidas ao lobo para a eliminación de supostos híbridos

No artigo científico de Godinho, R., Llaneza, L., Blanco, J.C., Lopes, S., Alvares, F., Garcia, E.J., Palacios, V., Cortes, Y., Talego, J. e Ferrand, N. (2011). Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula. Molecular Ecology 24, 5154-5166 (ver resume):

  • Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
  • A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cativo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da súa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1) e Minho (Portugal).
  • As áreas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
  • Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
    • Lobas dispersas no bordo dunha poboación marxinal ou en expansión.
    • Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manda por desaparición do macho alfa (ou dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas).

Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat, por todo o cal SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (ver PDF):

  • Que, con carácter inmediato, se suspendan todas as autorizacións vixentes para matar lobos (Canis lupus signatus) en Galicia.
  • Que nas zonas onde se sospeite a presencia de supostos híbridos de can e lobo se proceda a CAPTURALOS VIVOS por parte de persoal especializado da Consellería que vostede preside e se proceda a súa análise xenética para comprobar se o son ou non híbridos e que no caso de ser:
    • Lobos puros se proceda de inmediato a súa liberación na zona onde se capturou.
    • Exemplares híbridos de lobo e can, NUNCA se liberen de novo no medio e se actúe con eles conforme á Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e a restante normativa legal aplicable.

 

6 céntimos ao ano para salvar o lobo

Iso é o que lle custa a cada galego pagar os danos do lobo á gandería

Despois dunha primeira pregunta o 21-09-2011 (na que se pedía unha "relación detallada das datas, localidades, número de exemplares que se permitía abater en cada unha e xustificación motivada da decisión", PDF) da que non conseguiu unha resposta clara, SGHN ven de recibir resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a un segundo escrito do 29-11-2011 (PDF) no que lle pedía "Información cuantificada (animais e importe económico) dos “danos reiterados ao gando” que, segundo a resposta da CMR, xustificaron en cada caso as 6 batidas e 15 esperas autorizadas en 2011".

A resposta agora recibida non detalla os datos para cada zona na que se autorizaron batidas, pero si da as cifras globais para toda Galicia. E os datos son moi reveladores: se os danos do lobo á gandería os tivesen que pagar os gandeiros afectados a algúns deles podería suporlles unha carga insoportable para a súa economía, pero repartidos entre todos os galegos (2.800.000) a penas nos custa 6 céntimos de euro ao ano. UN CUSTE BEN PEQUENO PARA CONSERVAR UNHA DAS XOIAS DO PATRIMONIO NATURAL GALEGO, entre todos sufragamos, lóxicamente, a conservación do noso valioso patrimonio cultural, ¿por qué non haberíamos de facer o mesmo co noso patrimonio natural?

NON HAI XUSTIFICACIÓN ECONÓMICA PARA AUTORIZAR AS BATIDAS AO LOBO: PROHIBÁMOLAS XA!

 

SOBRE O "HÍBRIDO" QUE AMEAZA A POBOACIÓN DE LOBOS DO BARBANZA

En relación coa resposta de 08-11-2011 da Consellería de Medio Rural (en adiante CMR) á solicitude de información feita por SGHN o 21-09-2011 sobre batidas ao lobo, así como coas recentes novas de prensa sobre a localización no Barbanza dun “lobo híbrido que ameaza a especie” (La Voz de Galicia, 27-11-2011), ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Rural (ver PDF):
  • Información cuantificada (animais e importe económico) dos “danos reiterados ao gando” que, segundo a resposta da CMR (á pregunta de SGHN de 21-092011), xustificaron en cada caso as 6 batidas e 15 esperas autorizadas en 2011.
  • Información sobre os criterios empregados para avaliar o impacto das batidas e esperas sobre as poboacións de lobo e garantir a conservación da especie, da que textualmente se recoñece que “os efectivos poboacionais en cada zona non son doados de establecer” e se resposta con vaguedades e imprecisións - “mantén un número importante” - sen facilitar siquera un intervalo aproximado de individuos.
  • Coñecer a explicación que manexa a CMR para que mantendo supostamente “un número importante” de efectivos en cada zona:
    • Só conseguiran matar 3 lobos nas 21 actuacións (batidas+esperas) autorizadas.
    • Un can non fose devorado pola manada de lobos da zona e que, ademais, conseguise cruzarse cun dos lobos e dar lugar a un suposto híbrido. Híbrido que, ademais, chegou a ser nada menos que un individuo “alfa” dominante e procrear unha manada enteira de híbridos de segunda ou terceira xeneración. Manada de lobos híbridos que, ademais, conseguiu desplazar totalmente aos lobos “puros” do Barbanza.
  • Copia dos resultados das análises xenéticas realizadas aos lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza, así coma da información que permite á CMR afirmar que os 16 exemplares desa zona son híbridos.
  • Copia das publicacións e traballos científicos do equipo de investigación encabezado por D. Carlos Muñoz, “amplio coñecedor da especie”, en base aos cales se “cuestionan as teorías tradicionais sobre o comportamento destes depredadores” segundo as novas de prensa.

LOBOS, HÍBRIDOS E MENTIRAS

SGHN ven de ter acceso ao texto integro do artigo científico publicado na revista Molecular Ecology por Raquel Godinho e colaboradores (véxase referencia ao final).

Ao contrario do que sinalan (ou dan a entender) as declaracións do Xefe do Servicio de Conservación da Natureza de A Coruña, recollidas nas novas de prensa, no devandito artigo científico:

  1. O Sr. Carlos Muñoz non consta como autor e, moito menos, como director do equipo de investigación. Aínda máis, nin siquera figura nos agradecementos dos autores.
  2. Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
  3. A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cautivo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da saúa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1)e Minho (Portugal).
  4. As zonas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
  5. Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
    a) Lobas dispersas no bordo dun poboación marxinal ou en expansión.
    b) Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manada por desaparición do macho alfa (o dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas).

Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat. Iso é o que debería facer a Consellería de Medio Rural.

RAQUEL GODINHO,LUIS LLANEZA,JUAN C. BLANCO,SUSANA LOPES, FRANCISCO ALVARES, EMILIO J. GARCIA,VICENTE PALACIOS,YOLANDA CORTES,JAVIER TALEGO and NUNO FERRAND. 2011. "Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula". Molecular Ecology.

http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/j.1365-294X.2011.05345.x/abstract

 

ALEGACIÓNS DA SGHN Ó PLAN DE XESTIÓN DO LOBO

A SGHN considera que o documento sometido a información pública non é realmente un «Plan de Xestión do Lobo de Galicia», pois:

  • Non aporta (ou descoñece) información científica, sólida e rigurosa, indispensable para elaborar un auténtico e integral plan de xestión da especie como establecen a declaración da Unión Internacional de Conservación da Natureza e a Estratexia Nacional para a Conservación do Lobo Ibérico.
  • As únicas directrices de xestión que contempla refírense só ó aproveitamento cinexético por parte das sociedades de cazadores e ó control (eufemismo de reducción) das poboacións pola gardería da CMADS.
  • Non establece as «directrices para o mantemento das poboacións silvestres de lobo nuns niveis adecuados, buscando un equilibrio entre conservación e aproveitamento ordenado».
  • Existen importantes discrepancias entre as avaliacións de población feitas pola Consultoría que redactou o Plan e polo equipo de Felipe Bárcena, que leva 30 años estudando o lobo en Galicia e que realizou os censos anteriores de lobo en Galicia (1987-88 para o ICONA, 1993-95 para a Xunta de Galicia). Polo tanto, sen prexulgar cal das dúas avaliacións de poboación é actualmente correcta, considérase imprescindible que un equipo de técnicos da CMADS avalíe sobre o terreo en diversas zonas da distribución do lobo cal é a súa poboación real.
  • Os criterios de zonificación da área de distribución do lobo en Galicia polos que se estableceron as categorías de densidade baixa, media e alta de lobos non se basean en parámetros biolóxicos, ecolóxicos ou estatísticos senón que son arbitrarios e responden só a intereses cinexéticos agachados baixo falsas medidas de conservación das poboacións.
  • A realidade desminte a suposta abondosidade de lobos (en 87 batidas e 4 esperas só se abateron 14 lobos), matiza a gravidade dos danos á gandería (133 vacas/ano e 1055 ovellas/ano), e deixa sen argumentos a «alarma social» axitada por algúns interesados.
  • Non garante en absoluto que as concesións de «aproveitamento cinexético» se vaian facer con criterios científicos obxectivos e rigurosos: se os «expertos» da «asistencia técnica» que elaborou o Plan a penas puideron facer observacións directas sobre o tamaño e o éxito reproductor das mandas, ¿como se pretende que os axentes da CMADS confirmen a presenza e reproducción das mandas afectadas polo aproveitamento cinexético antes da tempada?

Por todo elo, a SGHN solicita:

  • Que se desbote o «Plan de Xestión do Lobo de Galicia» sometido a información pública e se comece a elaboración dun auténtico plan de xestión, que priorice todas as accións para garantir a conservación da especie, comezando por diminuír a conflitividade social, con axilización da valoración e pago de danos, campañas de difusión/sensibilización, etc.
  • Que o lobo en Galicia sexa considerado coma especie non cinexética, susceptible só de medidas de control das súas poboacións nos casos excepcionais contemplados no Regulamento da Lei de Caza de Galicia (Decreto 284/2001; artigo 20).
  • Que se mellore e actualice o coñecemento científico da especie en base non a «asistencias técnicas con consultorías» senón a convenios ou proxectos de investigación a desenvolver polos Organismos Públicos de Investigación galegos, inexplicablemente esquecidos e ninguneados ó longo de todo o proceso de elaboración do «Plan de Xestión do Lobo de Galicia».
  • Que se avalíen as ameazas para a conservación do lobo en Galicia derivadas da proliferación en zonas lobeiras de infraestructuras enerxéticas (parques eólicos coa súa rede de pistas) e viarias de gran capacidade, e que se adopten as medidas correctoras oportunas.

Para máis información véxase PDF Alegacións Plan Xestión Lobo.

Debuxo_lobo

Pegada_lobo

O lobo ¿cantas veces falso culpable?

Un equipo do CSIC cuestiona que a maioría dos ataques ó gando sexan por lobos

Un estudio científico da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC) desenvolvido entre as provincias de Burgos e Álava, onde hai frecuentes ataques ó gando, revela que o gando ovino constitúe ata o 32% da dieta dos cans asilvestrados pero só o 3,3% da dieta nos lobos.

Ditos investigadores subliñan que "as indemnizacións ós gandeiros só se pagan no caso de ataques realizados por lobos, polo tanto, os posibles ataques de cánidos domésticos estarían a engrosar os custes económicos asociados á conservación do lobo" e poñen o exemplo do Reino Unido, onde non existen lobos e os cans asilvestrados matan anualmente 30.000 ovellas e 10.000 cordeiros, causando unhas perdas de 2,5 millóns de euros.

O devandito estudio ven de publicarse nunha prestixiosa revista científica británica: Echegaray, J. e Vilà, C. (2010). Noninvasive monitoring of wolves at the edge of their distribution and the cost of their conservation. Animal Conservation, 13, 157-167.

Nota de prensa do CSIC

Artigo completo en Digital.CSIC

Resumo do artigo na web de Animal Conservation: DOI: 10.1111/j.1469-1795.2009.00315.x

Lobo