logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

ANTEPROXECTO DE LEI DE CAZA

No DOG do 9 de xaneiro de 2012, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, anunciaba o acordo polo que se sometía a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia. Este borrador podíase consultar na páxina web de Consellería do Medio Rural e as alegacións tíñanse que dirixir á Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, nun prazo de vinte días hábiles contados dende o seguinte ao da publicación no DOG.

Trátase dun borrador elaborado polos representantes dos cazadores e pola administración cinexética, en exclusiva e con urxencia, a xulgar polo cativo prazo de alegacións asignado ós cidadáns non cazadores; prazo que houbo de ampliarse, noutros trinta días máis, ante as protestas xeralizadas polo primeiro, incluso de algunha asociación de cazadores.

A nova lei en perspectiva insiste nas mesmas ou parecidas razóns e intencións que as enunciadas polas precedentes dende a asunción por Galicia das competencias cinexéticas, hai quince anos. Do fracaso de aqueles propósitos, nunca realizados, é unha mostra a substitución da lei actual por esta que se prepara, ós seis anos escasos de vixencia. 

O mellor, antes que leis novas, habería que examinar os motivos do fracaso das vellas e non ocultalos con grandilocuencia; porqué se ben é certo que moitas cousas cambiaron, nada se logrará considerando que os vertebrados obxecto de caza son un  “recurso cinexético”, a explotar por un determinado colectivo, obviando calquera relación co resto das especies, co medio e cos demais cidadáns, que, para os “explotadores do recurso”, son meros convidados de pedra. Esta exclusividade xustifícase no borrador, en tres consideracións básicas:

  1. Galicia como superficie cinexética nun 80%.
  2. A caza como un dereito orixinario.
  3. A figura do cazador como benefactor social imprescindible para o equilibrio das especies.

Acoutado o territorio, xustificado no principio dos tempos o dereito a explota-lo,  e magnificada a figura do beneficiado, sulíñase a maiores, o “considerable esforzo” previamente realizado para incrementar a calidade do “recurso” e para mellorar o medio; pero se, ó decir da exposición de motivos, a caza menor tradicional en Galicia encontrase nuha situación tan precaria que “cede protagonismo” á maior, resulta evidente que o “considerable esforzo” non foi tan considerable ou non se xestionou axeitadamente. Tampouco, a pretendida mellora do medio tivo nada que ver coa expansión da maior, que aumenta pola “transformación acelerada da paisaxe agraria… e os cambios profundos nas estruturas familiares agrarias”, segundo consta de partida na mesma exposición do borrador.

Estas e outras afirmacións, tratan de facer apoloxía do novo artellamento legal que, ó decir dos ideólogos autores, fundaméntase nos seguintes piares básicos:

  • Tender cara a unha caza mais ética e responsable.
  • A sostibilidade da caza en harmonía co medio natural no que se desenvolve.
  • A mellora dos instrumentos de ordenación, como a mellor garantía da sostibilidade.
  • Unha distribución máis xusta da responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas.
  • A seguridade na actividade cinexética, non só para os cazadores senón tamén para os demáis usuarios do monte.
  • A dinamización económica do mundo rural a través da explotación cinexética.
  • A flexibilidade das normas para a caza de especies de caza maior, no caso de xeración de danos.
  • Un réxime sancionador claro e preciso.

Ou sexa, o anteproxeto ven a decirnos agora que nas dúas leis anteriores, e sen que nadie o impedise, a caza:

  • Era pouco ética e irresponsable.
  • Non era sostible nin  en harmonía co medio natural no que se desenvolve.
  • Os instrumentos de ordenación, non eran a mellor garantía da sostibilidade.
  • Era inxusta a distribución da responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas.
  • A actividade cinexética, era insegura, non só para os cazadores senón tamén para os demáis usuarios do monte.
  • Non serviu para a dinamización económica do mundo rural a través da explotación cinexética.
  • Eran inflexibles as normas para a caza de especies de caza maior, no caso de xeración de danos.
  • O réxime sancionador non era claro nin  preciso.

Se era así, alguén tería que ser responsable. Pero se a maioría dos “piares” xa estaban contemplados nas leis anteriores e fracasaron e se os que cambian soamente beneficia ós “explotadores do recurso”, resulta evidente a escasa capacidade do novo anteproxecto para resolver os problemas dunha práctica cada vez menos deportiva.

A confusa definición da acción de cazar, no artigo 2.1, que non menciona o instrumento co que se caza = mata, quizáis para mante-la entelequia dunha práctica incruenta; ou a  inclusión dos animais domésticos que poderán ser obxecto da caza, se perden esa condición, no artigo 3.2, trasladanos a un plano extrano, para o conxunto cidadán ¿Un can extraviado xa non é domestico?, ¿a cantos metros da porta da casa, pódese cazar un gato?.

Tampouco resulta afortunada a diferenciación establecida entre terreos cinexéticos e non cinexéticos, xa que o resultado é peor que na Lei 4/1997. Na corta lista dos excluídos de caza, todos contan á baixa (a favor do “explotador do recurso”) con respecto á precedente e as zonas de seguridade nin figuran aquí. Logo trataránse no artigo 38, dun xeito cicateiro, agrupandoas para elimina-las, en tanto que se manteñen os perímetros antigos de prohibición en cincuenta ou cen metros, obviando o verdadeiro alcance das armas utilizadas na caza maior, hoxe maioritaria.

En canto á dinamización do rural, non parece que os propietarios, non cazadores, afectados polo establecemento dalgunha das varias formas de terreos cinexéticos ordenados (TECOR), saian económicamente beneficiados da cesión do aproveitamento cinexético; ou sexan mellor considerados agora, xa que o único mecanismo legal de participación, que se lles recoñece no borrador do anteproxecto, é o da exposición pública, como se a “explotación do recurso” fora unha obra pública de interese xeral. 

Por certo, o “recurso”, de acordo có artigo 53, ten dereito:

  • A ser abatido ou capturado nas condicións menos cruentas e dolorosas posibles.
  • A un trato axeitado, antes, durante e mesmo tras a súa morte ou captura.
  • A morrer rapidamente e co menor sufrimento posible por munición e armas apropiadas
  • A morrer previo recoñecemento da especie (sexo e idade de acordo coa autorización correspondente).
  • A ser cobrado, si morto ou ferido.
  • A que non se lle dispare se non o poden coller.
  • A morrer rápida e apropiadamente si é abatido e ferido

Tamén os cans que participan na captura do “recurso” teñen dereito a un trato axeitado. Os restantes animais silvestres que o necesitan para vivir, salvo erro u omisión, só teñen dereito a participar en campionatos e competicións como… “recurso”.

Como non podía ser doutro xeito, SGHN presentou por rexistro ás alegacións correspondentes (PDF).