logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Salvemos os garranos: a maior poboación mundial de cabalos salvaxes

Pontevedra, 04-10-2012

O Decreto 142/2012 establece as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia, que aplicadas a explotacións gandeiras e ao comercio cabalar son razoables e necesarias, pero no referente ás poboacións salvaxes de cabalos constitúe unha das máis graves agresións medioambientais dos últimos anos en Galicia.

Aínda que se faga deles un aproveitamento dende hai alomenos 4000 anos (como amosan os petroglifos de Outeiro dos Lameiros, Sabucedo, Viladesuso e Campolameiro), a meirande parte dos garranos non son animais de “domésticos” nin a súa é unha explotación gandeira pois non existe unha axuda ou guía humana na custodia, reprodución, alimentación ou resgardo, polo que a tódolos efectos é unha especie silvestre.

Polos seus valores biolóxicos o garrano é unha peza clave dos ecosistemas galegos:

  • Constitúen a poboación de cabalos salvaxes máis grande do mundo. Outras poboacións de cabalos salvaxes, como a de Przewalski, extinguíronse hacia 1970 e agora búscase a súa reintroducción mentres que os cabalos americanos son realmente cimarróns descendentes de animais domesticados.
  • Recentemente propuxose elevar á categoría de subespecie o garrano ou ponei galego: Equus ferus atlanticus, Barcena, 2012.
  • Cada garrano consume unhas 2,5 toneladas de toxo ó ano, abrindo espazos e favorecendo ao coello (Oryctalugus cuniculus), á lebre (Lepus castroviejoi, Lepus granatensis) e algúns réptiles (Timon lepidus, Psammodromus algirus, Chalcides bedriagai). Ademais, os excrementos dos garranos constitúen unha fonte de alimentación para varias especies de coleópteros, destacando Ceratophyus martinezi (endémismo ibérico, cunha das dúas únicas poboacións na beiramar atlántica galega) e Silphotrupes punctatisimus (endemismo galaico).
  • O garrano é o principal alimento do lobo (Canis lupus) en Galicia, sobre todo na zona centro e oeste onde constitúe ata un 85-90% da súa dieta, polo que a redución, desaparición ou estabulación do garrano suporía unha gravísima ameaza para a conservación do lobo.

Os conflictos artificiosos entre besteiros e Xunta de Galicia sobre transponedores e pastos, creados agora pola administración, deben resolverse canto antes pois do contrario provocarán unha merma radical da súa poboación como xa aconteceu en Vimianzo (A Coruña) onde os besteiros se desfixeron dos garranos.

Por todo o cal e considerando que o Decreto 142/2012 levará á extinción do garrano, pois é incompatible coa supervivencia desta especie salvo nun museo, colocará nunha situación crítica ao lobo e ameaza a conservación de outras especies de fauna que dependen do garrano, SGHN ven de solicitar á Conselleira de Medio Rural e do Mar a súa inmediata derrogación (ver PDF).