logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

 

SGHN solicita a erradicación inmediata de Ludwigia grandiflora no río Barbaña (Ourense)

Ourense, 27-09-2016

Alertados por un socio da presencia da planta acuática invasora Ludwigia grandiflora no río Barbaña ao seu paso pola cidade de Ourense, un equipo de SGHN ven de percorrer o treito urbán de dito río e de confirmar a existencia de múltiples matas de dita especie ao longo do río Barbaña entre a confluencia do seu afluente Barbañica e case a súa desembocadura no río Miño.

As circunstancias actuais son moi favorables para a erradicación da especie, pois non forma masas continuas, o nivel de auga é moi baixo e o acceso é moi doado, facilitando o traballo de retirada da canle e de transporte da biomasa de Ludwigia para unha xestión segura da mesma.

Diante do risco de que a especie aumente a súa cobertura no río Barbaña e de que chegue ao río Miño, o cal faría moi difícil e custosa (senón imposible) a súa erradicación, SGHN ven de solicitarlles á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Miño Sil (PDF) que organicen e leven a cabo coa máxima urxencia (días ou, como moito, semanas) unha campaña para a erradicación de dita especie.

Boas novas sobre este tema: a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS), a Xunta de Galicia (ver resposta) e o Concello de Ourense comezan as labores de erradicación da Ludwigia grandiflora no río Barbaña: Faro de Vigo, La Voz de Galicia, La Región.

 

Tríptico informativo sobre a vespa asiática Vesta velutina

Pontevedra-Ourense, 09-03-2015

A Xunta de Galicia ven de publicar un tríptico informativo sobre a vespa asiática Vesta velutina que explica a chegada da especie a Europa e a Galicia, as ameazas ecolóxicas e económicas que supón, como identificar os seus niños e como actuar en caso de ter detectada a súa presencia. Polo seu interese, o tríptico pode descargarse premendo AQUÍ.

SGHN quere salientar que debido ó crecente mal uso de trampas artesanais, moitas vésporas do pais están sendo matadas innecesariamente. Tan innecesariamente que non sabemos se estas vésporas poden axudar ou non a competir contra e Vespa velutina, o que si sabemos é que forman parte do noso ecosistema e aportan factores de control doutras especies. Convén distinguir estas dúas especies e salvagardar o noso vesporón, ou abábaro como se lle chama nalgúns sitios.

Neste ano, tres novas especies invasoras en Galicia

Pontevedra-Santiago, 30-10-2012

A ONU, a través do informe da Secretaría do Convenio sobre a Diversidade Biolócica, Perspectiva Mundial sobre la Diversidad Biológica 3 (Montreal, 2010), considera que unha das cinco presións que afectan directamente á perda de biodiversidade son as especies invasoras.

Segundo o estudo desenvolvido por DAISIE, en Europa rexistráronse 11.595 especies foráneas, das que máis de 1.000 están presentes en España. A consecuencia máis inmediata é a recollida no citado informe da ONU, así como en múltiples publicacións:

  • Perda de biodiversidade e simplificación das cadeas tróficas, competencia por recursos de hábitat e tróficos, danos á saúde humana (Informe da Unión Europea do 2008 Comunicación da Comisión ó Consello, ó Parlamento Europeo, ó Comité Económico e Social Europeo é o Comité das Rexións).
  • Perdas económicas. Na Unión Europea, os gastos anuais asociados ó control das especies invasoras e ó dano que ocasionan ascenden actualmente a 12.000 millóns de euros (In UE. 2010. Especies exóticas invasoras).

Nos últimos dez anos, a situación das Especies Invasoras en Galicia, tanto a nivel de especies animais coma vexetais agravouse radicalmente, moi en especial no referente a especies vexetais, tales como Cortaderia selloana, expansión de Acacia spp., irregularización das prantacións de Eucalyptus spp., etc., aínda que as animais non son menores e de consecuencias tamén graves, tanto para a saúde coma para a economía: nemátodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), chinche do piñeiro (Leptoglossus occidentalis), avispón (Vespa velutina) e un longo etcétera.

SGHN coincide co sinalado en diversos estudos sobre o carácter prioritario da prevención, ó ser unha das vías máis económicas e efectivas. A vixiancia e rápida detección son fundamentais para reducir o problema. Igualmente a sensibilización cidadá, formación para axentes da administración, educadores ambientais, etc, son imprescindibles para informar dos impactos que producen as especies invasoras. A parte de investigación é un pilar inexcusable para optimizar os recursos e determinar os mellores enfoques posibles a este problema.

Nesta situación, nos últimos meses apareceron tres novas especies en Galicia (unha aínda non detectada pero presumiblemente presente):

  • Vespa velutina, sobre a que a SGHN alertou á Xunta de Galicia en febreiro sobre un previsible paso a Galicia (PDF e resposta PDF), o cal confirmouse estes días, a pesares das medidas levadas a cabo.
  • Urocerus albicornis, no verán de 2012 recolectouse na zona norte de Lugo un avispón que resultou ser unha femia de Urocerus albicornis (Hymenoptera: Siricidae). Trátase dunha especie de orixe norteamericana e que xa se localizou en varios paises europeos (Reino Unido, Islandia, Paises Baixos e Polonia) e recentemente en Euzkadi (Lopez et al. 2012). Nesta publicación considérase a posibilidade de seren importada de Francia a traveso da madeira de piñeiro. Está considerada nestes paises como especie invasora e prexudicial para a madeira da familia Pinaceae (piñeiros, abetos…) xa que a larva forma tuneis na madeira. Ante este achádego, informouse do mesmo á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e solicitouse que se avalien as posibles repercusións da súa presencia e se faga un seguimento na zona para detectar máis exemplares e se fose necesario tómense medidas profilácticas (retirada de madeira morta na zona) ó obxeto de previr un asentamento desta especie.detectada no vrao por un equipo de entomólogos da SGHN que alertou do perigo potencial á Xunta de Galicia (PDF), da cal aínda non se recibeu responta.
  • Dryocosmus kuriphilus. A Xunta de Galicia abriu estes días unha campaña de información (PDF) sobre a posible presencia doutro invasor que ataca ós castiñeiros, rebaixando a súa produción e en caso extremos matando á árbore.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente (PDF) que resposte aos escritos de SGHN alertando da presencia de Urocerus albicornis e do posible paso de Vespa velutina aportando información das medidas adoptadas pola Consellería para o seu control e/ou erradicación.

Fotografía: Urocerus albicornis.

 

Qué rápida é a xustiza... ¡ás veces!

Cunha axilidade e rapidez inusitadas, o Tribunal Supremo leva dictados xa dous Autos decretando a suspensión parcial da vixencia do Real Decreto 1628/2011, de 14 de novembro, polo que se regula o listado e catálogo español de especies exóticas invasoras, en relación coa inclusión no Catálogo da especie Micropterus salmoides ou "black bass". O primeiro Auto dictouno o 23-03-2012 (PDF) a raiz do recurso contencioso-admnistrativo presentado pola Asociación Española de Black Bass e o segundo, publicado no BOE de hoxe 27 de xuño) dictouno o 28-03-2012 (PDF) a raiz do recurso contencioso-administrativo presentado pola Federación Española de Pesca e Casting.

Con estes dous Autos do Tribunal Supremo e a Resolución previa do Consello de Ministros (PDF), o "black bass" queda pois eliminado do catálogo de especies invasoras, malia ser un especie exótica e invasora que depreda e compite coas especies autóctonas. De feito no Programa Mundial de Especies Invasoras da IUCN esta considerada como unha das 100 especies exóticas invasoras máis dañinas do mundo (http://data.iucn.org/dbtw-wpd/edocs/2000-126-Es.pdf). Unha pésima nova para a biodiversidade autóctona.

¿Veremos algún día unha rapidez semellante no Tribunal Supremo e no Consello de Ministros para algunha boa nova para a nosa biodiversidade?

 

DANOS POR VISÓNS AMERICANOS NA TERRA CHÁ

Opinión publicada en "La Voz de Galicia" edición Terra Chá o 11-04-2012. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2012/04/11/ameaza-do-seculo-xxi/0003_201204L11C99910.htm

 

NON Á VEDA DO CANGREXO VERMELLO AMERICANO

A SGHN solicitou (PDF) que se modifique a Orde do 28 de decembro de 2011 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2012, no que se regula o Réxime especial do cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e do cangrexo sinal (Leniusculus pacifastacus), xa que incompresiblemente, a través do artigo 8º desta Orde védase a capturas destas dúas especies de carácter invasor, algo que recollía o modificado ANEXO I (Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras) do Real Decreto 1628/2011, de 14 de noviembre, polo que se regula o listado e catálogo español de especies exóticas invasoras e outras regulacións e estudos da Unión Europea.

A SGHN constatou na súa recente publicación do Atlas de Hérpetos de Galicia o pernicioso efecto do cangrexo americano sobre os anfibios.

Esta situación levou a presentar unha solicitude de modificación desta orde que recolla:

  • Que a captura e/ou morte destas dúas especies quede formalmente autorizada a todo o mundo, con ou sen permiso de pesca, incluso que se fomente a súa captura.
  • Que nos lugares onde poidan coexistir coa cangrexo autóctono, sexa advertida a presencia deste mediante carteis e información ós coutos de pesca, para evitar capturas accidentais do cangrexo autóctono.
  • Que se encete unha campaña específica de captura e destrucción destas especies, así como se reforce mediante información e sanción a prohibición da liberación de exemplares destas especies en calquera sitio.

Fotografía: Cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii).

 

 

HOXE É UNHA DÍA TRISTE PARA A BIODIVERSIDADE

GRAVE RETROCESO NA LOITA CONTRA AS ESPECIES INVASORAS

No BOE de hoxe, 19 de marzo, publícase a Resolución de 13 de marzo de 2012, da Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros de 24 de febreiro de 2012, polo que se aceptan parcialmente as reclamacións feitas polas Comunidades Autónomas de Aragón, Castilla y León y de Cataluña contra o Real Decreto 1628/2011 polo que se regula o listado e o catálogo español de especies exóticas invasoras.

Moi lamentablemente, e nun exercicio de manifesta irresponsabilidade na conservación da biodiversidade, o Consello de Ministros baleirou de contido e aplicabilidade o Real Decreto 1628/2011 ao anular:

  • Artigo 1. Obxecto
  • Artigo 4. Contido e características (do Catálogo e o Listado de especies invasoras)
  • Artigo 5. Procedimentos de inclusión ou exclusión de especies
  • Artigo 7. Información contida nos rexistros.
  • Artigo 8. Efectos da inclusión dunha especie no Catálogo ou no Listado
  • Artigo 10. Medidas de loita contra as especies invasoras do Listado e Catálogo.
  • Disposición transitoria segunda. Especies introducidas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 42/2007, de 13 de decembro, con fines cinexéticos, piscícolas e selvícolas.
  • Anexo II. Listado de especies exóticas con potencial invasor

Con este paso atrás, a boa nova para a biodiversidade española que supuxo o Real Decreto 1628/2011 só durou 3 meses e 1 semana.