logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Voluntariado e custodia da nidificación da Píllara das Dunas en Nigrán (Pontevedra) en 2012

Aplicación do "Plan de Conservacion da Píllara das Dunas en Galicia"

O 16-06-12 localizouse un niño de Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) en Praia América, e nunha acción conxunta da SGHN e CEMMA e co apoio loxístico e asesoramento de ANABAM, decidiuse protexer de forma directa o niño e executar un programa de seguimento. Os días 4 e 5 de xullo obsérvanse dous polos. O terceiro ovo non eclosionou. Posteriormente localízase soamente a un polo. Durante a fase de cría as aves usan diferentes áreas da praia, ata completar a cría con éxito e o 07-08-2012 obsérvase o primeiro voo do polo.

Ese traballo de protección e vixilancia de niños foi desenvolvido a través da coordinación de varios voluntarios do 16 de xuño ata o 13 agosto de 2012. O Concello de Nigrán e a policía local participaron activamente na protección do niño. Con base aos resultados obtidos e a información recollida dende 2009, preparouse un informe para o Concello de Nigrán e a Xunta de Galicia, co fin de propoñer a inclusión da praia como zona de cría no Plan de Conservación da Píllara das dunas en Galicia, e de solicitar esforzos de conservación nos próximos anos.

Premendo aquí pódese descargar o informe elaborado polo equipo de voluntarios que participou no seguemento e custodia da nidificación.

 

Plans de recuperación do sapoconcho común e a escribenta das canaveiras

A Resolución do 01-08 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG do 30-08-2012), someteu a información pública e audiencia aos interesados os proxectos dos decretos polos que se aproban o Plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) e o Plan de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia.

SGHN xa participara activamente no trámite de consultas previo, así como nas mesas de participación pública, pero o esforzo feito por SGHN e outras organizacións de defensa ambiental resultou case absolutamente estéril ata o punto de que SGHN ven de presentar unha copia exacta (PDF) das mesmas alegacións antes enviadas.

Corren malos tempos para a biodiversidade galega. Ao ritmo actual, a Xunta de Galicia precisaría 93 anos para elaborar os plans de recuperación das especies en perigo de extinción en Galicia e os dous plans ata agora presentados son manifestamente insuficientes para recuperar ao sapoconcho común e a escribenta das canaveiras, máxime tendo en conta que ditos plans non inclúen compromisos orzamentarios para o seu desenvolvemento.

 

O concello de Valdoviño fará actuacións para protexer a Píllara das dunas nas súas praias

 

O 16-05-2012 tivo lugar un encontro entre o Alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo, e un representante da SGHN, Xabi Prieto, á que tamén acudíu invitada a bióloga María Vidal (coautora do plano de conservación da Píllara). Desde a propia alcaldía solicitouse este encontro co obxectivo de informarse da posibilidade de tomar iniciativas conservacionistas desde a administración local.

As praias do concello manteñen aínda unha importante poboación reprodutora desta limicola, catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e para a que a Xunta de Galicia elaborou e someteu recentemente a información pública o seu Plan de Conservación (ver máis abaixo as alegacións de SGHN). Unha das principais causas do declive da píllara das dunas é a falta dunha planificación que compatibilice os intereses recreativos e turísticos coa conservación da especie, compatibilización que é posible e necesaria. Entre as medidas máis importantes para conservar a píllara das dunas están a de evitar a presenza de cans soltos nos areais e realizar a limpeza das praias de xeito manual e selectivo, nunca indiscriminadamente con medios mecánicos.

Desde a alcaldía, transmitíuse aos naturalistas a intención clara de actuar para que a riqueza ecolóxica da praia pase a ser tamén un valor engadido máis a esta areal. Sociedade Galega de Historia Natural valora moi positivamente este interés conservacionista por parte do goberno municipal, especialmente nos tempos de crise económica, cando a inversión medioambiental é máis necesaria ca nunca, e anima a traballar ás autoridades locais para que estas boas intencións se transformen canto antes en feitos consumados, que permitan conservar o patrimonio natural do concello.

 

Plan de conservación da píllara das dunas.
Plans de recuperación do sapoconcho común e da escribenta das canaveiras

Ao abeiro do periodo de información pública, SGHN ven de presentar alegacións a o plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e aos plans de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) e da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher), os tres primeiros elaborados pola Xunta de Galicia para especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. En liñas xerais, SGHN considera acertadas ás finalidades e obxectivos dos tres plans:

  • Restaurar e manter unha poboación viable da píllara das dunas en Galicia e desclasificala, a curto/medio prazo, da categoría de vulnerable do CGEA.
  • Consolidar a conservación dos núcleos de poboación coñecidos de sapoconcho común, garantindo así a supervivencia a longo prazo destas poboacións, e promover a introdución da especie no seu hábitat potencial, duplicando polo menos o número de áreas de presenza coñecidos na actualidade.
  • Inverter a tendencia demográfica regresiva da escribenta das canaveiras iberooccidental e acadar a recuperación das localidades de reprodución coñecidas que se perderon.

Imaxe: Parella de pillara das dunas.

Pero, malia ser un asunto crítico para a conservación das especies, lamentablemente ningún dos proxectos de Decreto establece medidas claras encamiñadas a conservar de forma efectiva o hábitat de ditas especies, nin siquera nas súas zonas prioritarias, e que vinculen inequivocamente á administración e ós particulares, comezando por que os plans e proxectos suxeitos a Avaliación de Impacto Ambiental que poidan afectar o hábitat de calquera destas especies deberan avaliar detalladamente os seus efectos sobre ás mesmas e adaptarse obrigatoriamente ao establecido nos respectivos plans de conservación ou recuperación.

No caso da píllara das dunas, catalogada como vulnerable, SGHN considera imprescindible que, agás razóns imperiosas de interese público de primeiro orde, nas súas zonas de presenza:

  • O tránsito de persoas e mascotas polo cordón dunar quede limitado a corredores definidos de acceso.
  • Non se permitan labores de limpeza nas áreas de restricción do tránsito de persoas e animais das 25 praias máis importantes para a especie durante o periodo comprendido entre o 1 de marzo e o 31 de agosto de cada ano. Fóra dese periodo só se deberan autorizar limpezas manuais para retirar o lixo e nunca os restos naturais de arribazón.
  • Non se permita a ocupación nin degradación do ecosistema dunar coa construción de paseos, estradas, pistas, aparcadoiros, servizos hostaleiros, etc.

Nos casos do galápago europeo e a escribenta das canaveiras catalogados como “En perigo de extinción” é de aplicación o artigo 45.6 da Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que indica que, no proceso de avaliación de plans e proxectos, só poderán autorizarse en ausencia doutras alternativas, e cando concurran razóns imperiosas de interese público de primeiro orde. En consecuencia, agás coa dita excepción legal, SGHN solicita:

  • A prohibición de novas estradas ou pistas que afecten aos seus hábitats.
  • A adaptación obrigatoria dos instrumentos de planificación urbanística e territorial aos contidos dos plans de recuperación.
  • A necesidade de informe preceptivo e vinculante da Consellería competente en materia de conservación da natureza para que o manexo dos carrizais beneficie á escribenta das canaveiras e respecte os hábitats de conservación prioritaria na UE e as especies incluidas nos catálogos español e galego de especies ameazadas. Ademais, as cortas deberan manter unha franxa de alomenos 10 m de largura e nunca poderán afectar a unha superficie continua maior de 0,5 ha nin a máis dunha cuarta parte da superficie cuberta por especies helófitas no humidal.

Imaxe: Sapoconcho común.

 

¿93 anos máis para protexer as especies en perigo de extinción en Galicia?

De acordo co establecido polo Decreto 88/2007 que aprobou o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) e a súa actualización mediante o Decreto 167/2011, na actualidade hai en Galicia 74 especies oficial e legalmente recoñecidas como en perigo de extinción, asi como 125 especies ou taxóns vulnerables, sendo necesario elaborar os respectivos plans de recuperación para as que se atopan en perigo de extinción e plans de conservación para as vulnerables.

No pleno do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible celebrado hoxe, 21 de febreiro, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza anunciou a inminente apertura do proceso de información pública para 4 plans doutras tantas especies:

  • 2 plans de recuperación, para o sapoconcho (Emys orbicularis) e a escribenta das canaveiras iberooccidental (Emberiza schoeniclus lusitanicus).
  • 1 actualización para o plan de recuperación do oso (Ursus arctos), que data de 1992.
  • 1 plan de conservación para a píllara areeira (Charadrius alexandrinus).

Sen dúbida a nova é moi boa para estas 4 especies, pero unha simple regla de tres amosa unha tremenda preocupación polas 195 restantes especies ameazadas: ao ritmo actual de 4 plans en 5 anos (o CGEA aprobouso o 19 de abril de 2007) farían falla 93 anos para que as 74 especies en perigo de extinción tiveran o seu instrumento de xestión e 244 anos para que o tiveran todos os taxóns incluidos no CGEA.

Obviamente as especies ameazadas non se poden "permitir o luxo" de agardar 93 ou 244 anos para que comencemos a protexelas eficaz e axeitadamente, polo que o representante da SGHN no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible reclamou unha forte aceleración no ritmo de elaboración dos plans de recuperación ou conservación para todas as especies ameazadas. Todas, non só para os vertebrados e/ou as especies máis vistosas, xa que non se aprobou nengún plan para plantas ou invertebrados ameazados.

Se na actualidade hai outros 22 documentos entregados polas asistencias técnicas para outras tantas especies, como recoñeceron os representantes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza unha vez rematada a xuntanza, ¿a qué agardan para abrir os seus procesos de información pública?