logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Posición de SGHN fronte as peticións de "controis" dos corvos mariños polos pescadores

Santiago, 24-03-2017

SGHN desexa poñer de manifesto a súa inquedanza polas noticias nos medias de comunicación que recollen a opinión dos colectivos de pescadores sobre o suposto impacto dos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) sobre as poboacións piscícolas dos ríos. Á SGHN preocúpalle especialmente a visión simplificada, e semella que interesada do colectivo de pescadores, que centra o problema da situación da biodiversidade dos ríos nun único factor que é, cando menos, moi discutible sen a existencia de datos contrastados e validados e sen unha mínima referencia a outros graves problemas ambientais dos ríos galegos, entre os que cabe salientar:

  • Introdución de especies exóticas invasoras, feitas deliberadamente polo propio colectivo de pescadores (black bass, carpas, caranguexo vermello americano ... ) ou debidas a escapes ou soltas derivados de outras actividades (visón americano).
  • Estado das augas tanto cuantitativo coma cualitativo por depuración deficiente das augas residuais urbanas e industriais, sobreexplotación por regadíos, etc.
  • Efecto barreira das infraestruturas (nomeadamente encoros) sabre determinadas especies.
  • Eliminación ou redución da vexetación acuática e ribeirega.
  • Danos por arrastres de finos procedentes de obras, minería e incendios.
  • Efectos das cinzas arrastradas dos terreos queimados sobre o pH e a concentración de metais pesados e hidrocarburos aromáticos policíclicos nas augas e nos sedimentos do leito.
  • Consecuencias do cambio climático.
  • Incidencia do número de pescadores e das capturas.

Por estas razóns, SGHN ven de solicitar á Direccion Xeral de Patrimonio Natural (PDF) que teña en conta todos estes factores e que o tema se aborde nunha xuntanza do Observatorio Galego da Biodiversidade antes de realizar ningunha actuación destinada ao control da poboación dos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) coma se realizou noutras comunidades.

Posición de SEO/BirdLife sobre os descastes de corvos mariños grandes: http://www.seo.org/2017/04/05/eliminar-cormoranes-podria-vulnerar-la-ley-y-es-ineficaz-para-mejorar-las-poblaciones-de-truchas-y-salmones/