logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

O Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas non garante a conservación do corvo mariño cristado

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) demandan á administración e sectores implicados un maior compromiso coa conservación das poboacións de aves mariñas (ver PDF).

A zonificación e medidas de conservación propostas no Plan Reitor de Uso e Xestión son insuficientes para garantir a conservación do corvo mariño cristado, un dos principais valores do Parque Nacional e especie en perigo de extinción.

A insuficiente extensión das Zonas de Reserva e de Uso Restrinxido pon en perigo a esta especie, ameazada entre outros factores pola mortalidade en artes de enmalle e a sobrepesca.

Hai dez anos, as Illas incluídas no Parque Nacional Illas Atlánticas albergaban a mais de 2.000 parellas de corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis (cormorán moñudo en castelán), o que constituía mais do 70% da poboación ibérica da especie e as convertía no principal núcleo reprodutor da especie a escala mundial. A importancia da especie e das súas poboacións foi un dos principais motivos polos que no seu momento se declarou o Parque Nacional, converténdose así nun dos seus principais valores e obxectivos de conservación.

Unha década despois, a poboación é inferior ás 1.000 parellas, tendo sufrido un declive poboacional de mais do 60%. Diversos estudos ao respecto prognostican a extinción da especie nun escaso prazo de tempo de manterse os factores de ameaza actuais. Esta situación motiva a súa consideración actual de especie en perigo de extinción, catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Entre os principais factores de ameaza desta especie atópanse a predación por parte do visón americano, a escaseza da súa principal fonte de alimentación (o bolo, cuia escaseza ven motivada polo desastre do Prestige e a sobrepesca) e a mortalidade en artes de pesca como os trasmallos ou similares. Así, a sobreexplotación  e presenza de artes dañinas para a especie como os trasmallos, cada vez en maior número debido ao incremento do tamaño da flota de baixura nos últimos anos, provoca cada ano unha elevada e innegable mortalidade entre os corvos mariños.

Imaxe: Corvo mariño cristado enmallado (Fotógrafo: Jorge Chachero)

Neste sentido, un dos obxectivos primordiais do PRUX debe ser o de regular a actividade pesqueira para compatibilizar a conservación e mellora do ecosistema mariño co mantemento da pesca artesanal e sostible nestas augas, asumindo a grande importancia socioeconómica destas actividades e a súa presenza tradicional nestas augas, pero sin esquecer que o principal obxectivo do parque debe ser o da conservación dos seus valores naturais. O establecemento como áreas libres de pesca ou o control do emprego de determinadas artes de enmalle nas principais zonas de alimentación do corvo mariño son básicas de cara a súa conservación, compatibilizando dunha maneira racional a conservación dos valores naturais coas actividades pesqueiras tradicionais. A aplicación destas medidas de conservación é ademais unha obriga legal.

No referente á polémica xurdida respecto á regulación dos usos pesqueiros no Parque Nacional, e tendo en conta o Decreto 15/2011 de artes e as características de moitas das artes reguladas, na práctica as únicas limitacións derivadas do PRUX consisten na prohibición do rastro de vieira en Sálvora e do emprego do trasmallo na zona de protección costeira, a cal abarca unha franxa de 100 m ou 5 m de profundidade ao redor das illas. No referente á zona de protección das aves unicamente prohíbese o emprego do trasmallo en horario diurno, afectando tamén á flota de vetas na ría de Arousa. É dicir, o PRUX non pretende unha prohibición da pesca nas augas do Parque Nacional, senón a súa regulación: non se prohibe ningunha das artes de pesca reguladas no Decreto de artes de Galicia, nin se prohibe a extracción de ningunha especie pesqueira de interese comercial.

Consideramos que as medidas expostas no Plan Reitor de Uso e Xestión proposto pola administración autonómica son insuficientes, ao reducir drasticamente as zona de protección da especie con respecto as súas principais zonas de alimentación. Así, as zonas de reserva, nas que se prohibe a actividade pesqueira, supoñen unicamente o 2,7%, o que é unha porcentaxe mínima do Parque Nacional e moi inferior á superficie realmente empregada polos corvos mariños.

Este aspecto cobra unha especial gravidade en canto estas zonas de alimentación son coñecidas e recollidas no “Plan de Conservación del cormorán moñudo en el parque nacional Illas Atlánticas”. Neste plan defínese baixo criterios técnicos e científicos a problemática derivada do emprego indiscriminado de trasmallos nas augas do parque nacional, e trátase dun documento oficial cofinanciado e aprobado pola propia administración autonómica. A pesar disto, posteriormente foron ignoradas as súas conclusións na elaboración do PRUX, chegando posteriormente incluso a cuestionar a necesidade de ditas zonas de reserva, sen base científica e poñendo en perigo os propios valores naturais polos que foi declarado o parque nacional das Illas Atlánticas e sen os cales carecería de sentido.

Polo tanto, e asumindo que as medidas de regulación definidas no PRUX son xa insuficientes, de ningunha maneira debería aceptarse unha redución ou aprazamento da súa aplicación, que por outra parte é unha obriga legal contraída pola administración autonómica dende o momento no que asumiu as competencias sobre o Parque Nacional.

Dende as entidades asinantes facemos un chamamento á administración e sectores implicados na conservación do corvo mariño cristado para que colaboren na adopción das medidas necesarias para garantir a conservación da especie e a compatibilidade dos usos existentes. A protección do corvo mariño cristado e dos valores naturais das Illas Atlánticas non deben ser vistos como unha agresión ao sector pesqueiro, senón como unha oportunidade e unha responsabilidade do conxunto da sociedade co noso propio patrimonio natural e coas xeracións vindeiras.