logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

SALVAR Á CHARRELA DA EXTINCIÓN
unha iniciativa da S.G.H.N. en 1996 diante do C.G.M.A.

O representante da S.G.H.N. no Consello Galego do Medio Ambiente (C.G.M.A.) presentou na súa xuntanza de 12-04-1996 a seguinte proposta de protección da charrela:

SITUACIÓN DA CHARRELA EN GALICIA

  • En claro reflexo da situación da fauna en xeral, os efectivos poboacionais das especies cinexéticas de caza menor veñen disminuindo paulatinamente en Galicia dende fai anos por mor de diversas causas: presión cinexética, incendios forestais, abandono de terras de labranza, proliferación de pistas en áreas antes non accesibles, etc.
  • No caso da charrela, Perdix perdix hispaniensis Reichenow 1892, este declive poblacional é particularmente grave e vai unido a unha situación de fragmentación e illamento das súas poboacións (considerada habitualmente como a antesá da extinción). Así o recoñecen dous informes oficiais e cinco publicacións científicas aparecidas dende 1991:
    • "Especie en perigo de extinción en Galicia, a súa supervivencia é pouco probable si os factores causais da súa situación actual (alteración do hábitat, caza-furtivismo e incendios) seguen a actuar. A poboación reproductora galega estímase nunhas 100 parellas". A. Fernández-Cordeiro e J. Domínguez, compiladores (1991). Catálogo provisional de aves nidificantes amenazadas en Galicia. Actas do Primeiro Congreso Galego de Ornitoloxía (Santiago, 1989). páx. 269-271. Servicio de Publicacións e Intercambio Científico. Universidade de Santiago de Compostela.
    • "Está experimentando unha reducción continuada da súa área de distribución, xunto cunha paralela diminución da densidade dos seus poboamentos". "Non parece aventurado supoñer que a caza ten sido un dos factores decisivos na regresión que ten experimentado a especie en Galicia". "A supervivencia da especie en Galicia non está garantizada". "De acordo cós resultados deste traballo, e en concordancia coa Directiva da CEE sobre Conservación de Aves Silvestres, debería excluirse a Perdix perdix hispaniensis da lista de especies cinexéticas de Galicia, prohibíndose a súa caza en toda a Comunidade Autónoma". I. Munilla Rumbao, R. Romero Suances e J. Giménez de Azcárate (1991). La perdiz pardilla (Perdix perdix hispaniensis) en Galicia. Distribución, tendencia poblacional y estado de conservación. Estudio inédito realizado para a Xunta de Galicia.
    • Galicia figura entre "as zonas que experimentan un maior grado de disminución de densidade e/ou de retracción areal a escala estatal". "As charrelas supervivintes do Macizo Central Ourensán" teñen "alto risco de extinción" e están "totalmente ailladas". As charrelas "das serras periféricas de Lugo e Ourense" teñen "poboamentos na antesá da extinción, con núcleos concentrados, pouco densos e con procesos de retracción areal recentes" polo que se atopan na situación de máximo risco ("Categoría 6, en perigo", a categoría 7 xa é "extinta"). A.J. Lucio, F.J. Purroy, e M. Saenz de Buruaga (1992). La perdiz pardilla (Perdix perdix) en España. Monografías de la Colección Técnica. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Instituto para la Conservación de la Naturaleza.
    • "A situación desta especie, con poboacións ailladas nas serras orientais de Galicia, fai convinte a adopción de medidas para a súa recuperación". Debate sobre o estado da Autonomía. Tomo III. Medio Ambiente. Unha estratexia medioambiental para Galicia. Xunta de Galicia, 10 de Outubro de 1995.
    • "Podemos saca-la conclusión de que a poboación non só se atopa nunha regresión numérica se non tamén nunha regresión espacial". "Este feito, xunto cós datos poboacionais que temos, amosa o alto grado de vulnerabilidade na que se atopa esta poboación". A. Rúa Rúa e M.A. Alvarez González (1995). Informe Tempada de Caza 94-95. Xunta de Galicia. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Delegación Provincial de Ourense.
    • "Na provincia ourensá desde 1980 a 1988 desapareceu a especie nos concellos da Gudiña e San Xoán de Río. No da Veiga a poboación diminuíu de 600 individuos a 50; no de Viana do Bolo, de 200 sobreviven 17". "O desinterese das Administracións, o incivismo dos cazadores e a destrucción dos seus hábitats con repoboacións forestais, pistas e incendios, encamiñan á especie cara a súa desaparición". E. Dapía Sánchez e X.M. Penas Patiño (1995) en Atlas de Vertebrados de Galicia. Tomo II. Aves. Sociedade Galega de Historia Natural e Consello da Cultura Galega.
    • "En canto as tendencias poboacionais, tódolos núcleos experimentaron unha forte reducción da superficie da área de distribución e da densidade de aves cando menos dende finais dos anos 40, producíndose fenómenos de extincións locais". "A particular estructura e organización da área de distribución, a posición bioxeográfica das charrelas galegas, e o grao de incidencia dos fenómenos de degradación e transformación do seu hábitat, parecen abondar para considerar á especie como ameazada en Galicia, existindo dúbidas máis que razoables de que estas poboacións estean en condicións de aturar calquera xeito de explotación cinexética sen compromete-la súa viabilidade". "Non se entende como a charrela segue a ser considerada como especie cazable en Galicia". I. Munilla, R. Romero e J. Giménez de Azcárate (1995). A charrela (Perdix perdix hispaniensis) en Galicia. Distribución, tendencias poboacionais e estado de conservación. Libro de Resumes das Ponencias do III Congreso Galego de Ornitoloxía

 

  • A situación da charrela é particularmente preocupante ó tratarse dunha especie:
    • Co seu límite de distribución suroccidental en Galicia, polo que as poboacións galegas son, ademais de especialmente vulnerables, de grande interese bioxeográfico.
    • Que debe ser obxecto de medidas de conservación de hábitats e disfrutar dun réxime de protección segundo as Directivas europeas de conservación de aves silvestres (79/409/CE e 91/204/CE).
    • "Vulnerable a nivel español". J.C. Blanco.e J.L. González (1992). Libro Rojo de los Vertebrados de España. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Instituto para la Conservación de la Naturaleza.
    • "De conservación importante dentro de España". E. de Juana (1992). Algunas prioridades en la conservación de aves en España. Ardeola 39, 73-83. Sociedad Española de Ornitología (SEO).
    • "Con estado de conservación desfavorable en Europa". G.M. Tucker e M.F. Heath (1994). Birds in Europe. Their Conservation Status. BirdLife Conservation Series No. 3, BirdLife International.
  • A grave situación da charrela en Galicia xa motivou no ano 1989 unha iniciativa do Comité Provincial de Caza de Ourense, aprobada por unanimidade según consta na acta da reunión do 4-11-89, para crear un terreo vedado de caza no macizo central ourensán (a partires da cota dos 1400 m s.n.m.) por un período de 10 anos. Esta iniciativa contaba ademais có apoio dos propietarios e das sociedades de cazadores de Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Povoa de Trives e Vilariño de Conso que incluso estaban dispostas a ceder os servicios de guardería. Desgraciadamente, a Administración non aceptou a proposta aínda que tan só lle custaría 200.000 pts.
  • A extinción da charrela en Galicia, nunha rexión da Unión Europea e nos albores do terceiro milenio, suporía un imperdonable erro de xestión medioambiental da Administración Autonómica Galega.

 

Imaxe: Debuxo de dúas charrelas en vóo que ilustrou a portada do Paspallás nº 18 en xullo de 1996

 

CONSIDERACIÓNS LEGAIS

  • O artigo 2.2 do Decreto 155/1995, do 3 de xuño, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente, contempla entre as funcións deste "Formular propostas e emitir informes sobre cuestións ambientais, por iniciativa do propio consello, da Administración autonómica ou da Administración local, no ámbito das súas competencias.
  • A sentencia do Tribunal Constitucionala 102/1995 (BOE nº 181, suplemento, do 31 de xullo) establece que a xestión da caza é materia exclusiva das Comunidades Autónomas.
  • A fauna galega, incluindo as especies cinexéticas, é parte do Patrimonio Natural de tódolos galegos. Como sinalan Lucio et col. (op. cit.): "Parece indiscutible que no caso de especies como a charrela a obriga de conservar e asegurar o futuro do noso patrimonio natural debe impoñerse a calquera outra consideración".

SOLICITUDE DE CATALOGACIÓN COMO ESPECIE NON CAZABLE

  • A SGHN solicita que o Consello Galego do Medio Ambiente propoña á Xunta de Galicia a inclusión inmediata da charrela, Perdix perdix hispaniensis Reichenow 1892, no listado de especies non cazables en cumprimento das Directivas Europeas de Conservación de Aves Silvestres (79/409/CE e 91/204/CE). Esta medida precisaría ser complementada cunha vixiancia eficaz para erradicar o furtivismo.
  • A SGHN solicita que o Consello Galego do Medio Ambiente propoña a Xunta de Galicia o inicio inmediato de accións para a conservación do hábitat da charrela en Galicia, en cumprimento asimesmo das devanditas Directivas Europeas.