logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Máis preguntas sobre a caza estival do paspallás na Limia: outra vez sen resposta?

Ourense-Santiago, 02-09-2014

SGHN aínda non recibiu resposta ao escrito que dirixiu hai máis dun mes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) relativo á caza do paspallás (Coturnix coturnix) na época estival en diversos TECOR de A Limia. Mentres tanto, a prensa fíxose eco da apertura da caza estival do paspallás no fin de semana do 23-24 de agosto para dous TECOR e na pasada fin de semana para os restantes. Malia as informacións que se recollen na devandita nota de prensa atribuidas a UNITEGA (Unión de Tecores de Galicia) e que dan a entender a abundancia de paspallás, SGHN tivo acceso a datos dalgún dos aproveitamentos nos que o promedio de capturas é aínda inferior ao xa baixo promedio xeral acadado na pasada tempada. Aínda máis, os datos recollidos por SGHN nestes días indican, unha vez máis, que o paspallás se atopa en plena tempada de cría na Limia, con polos recén nados e outros que aínda non poden voar.

Polo devandito, SGHN ven de dirixirse unha vez máis á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) pedíndolle:

  • Que facilite o antes posible a SGHN os datos de capturas de paspallás na Limia durante as dúas últimas fins de semana de agosto.
  • Que informe a SGHN sobre os medios de control que ten en marcha para comprobar a exactitude das capturas comunicadas polos TECOR, así como dos resultados.
  • Que tome as medidas oportunas en función dos resultados das capturas e, de ser o caso, que se suspenda definitivamente o aproveitamento estival do paspallás ou, como mínimo, que se adíe o aproveitamento ata a segunda quincena de setembro, en aplicación da Directiva Aves.

 

Crónica dun declive anunciado: caza abusiva do paspallás

SGHN solicita unha rigorosa reflexión da Dirección Xeral de Conservación da Natureza de cara a autorización ou non do aproveitamento cinexético especial do paspallás (Coturnix coturnix) na chaira da Limia este ano

Ourense-Santiago de Compostela, 11-08-2014

Segundo os datos oficiais sobre o aproveitamento cinexético especial do paspallás (Coturnix coturnix), en 2013 na chaira da Limia cazáronse 6.882 aves cun promedio de 4,8 paspallás por cazador e día, a penas a metade dos cupos autorizados. Estas cifras contrastan de xeito rechamante coas de 2001, cando se abatiron 8.927 aves cun promedio de 9,7 paspallás por cazador e día, e amosan un severo declive do paspallás na Limia (a mellor zona da especie en Galicia e o único lugar onde se permite a caza estival). Compre pois unha rigorosa reflexión da D.X. Conservación da Natureza sobre a:

  • Validez dos censos poboacionais da especie presentados polos TECOR para os plans de aproveitamento.
  • Adecuación á realidade poboacional da especie do número e superficie dos cuarteis de caza e do número de xornadas, cazadores e capturas autorizables.
  • Relación causa-efecto entre os “aproveitamentos cinexéticos especiais” de anos anteriores e a situación actual da especie.

Era só cuestión de tempo que acontecera un desplome das poboacións do paspallás na Limia pois, como xa salientou SGHN hai máis de 12 anos nun informe baseado en datos oficiais que obtivo (previo pago das fotocopias) da Consellería de Medio Ambiente (PDF):

  • Mesmo na primeira semana de setembro unha cuarta parte das aves censadas eran femias acompañadas de polos, unha proba clara de que na caza estival do paspallás na Limia se estaba a vulnerar a Directiva Aves ao permitir a caza durante o periodo de reproducción e crianza da especie.
  • A grande coincidencia entre o número de paspallás abatidos e supostamente non cobrados (en restrebes dun terreo chairo e con axuda de cans de caza: increíble!) e a porcentaxe de xuvenís e femias con cría ao comezo do periodo de caza suxería que si se cobraran pero que se abandonaran (ou agacharan) ao comprobar que eran xóvenes para os que a captura é sancionable.
  • A metodoloxía e realización dos censos oficiais era incorrecta, sexa por ignorancia dos requisitos para obter censos reais e representativos ou por un incumprimento deliberado dos mesmos para obter densidades de paspallás sobrevaloradas que xustificasen as peticións dos cazadores.

Imaxes: Segundo a análise feita por SGHN en 2002 dos datos oficiais, os censos da especie realizados pola Consellería eran incorrectos ao facerse nun hábitat (cereais sen segar) diferente do empregado para caza (restrebes), nunhas parcelas de superficie arbitrarias e pouco representativas e con erros matemático-estatísticos na súa interpretación. Así, por exemplo, a metade das diferencias de densidade nos censos oficiais débese á diferente porcentaxe de cultivos xa colleitados no momento de facelos (gráfico da esquerda). Ademais, a densidade de paspallás diminúe ao aumentar a superficie da parcela (gráfico da dereita), un sesgo ben coñecido polos investigadores e que neste caso é atribuible "á selección arbitraria das áreas de censo pola propensión ao control de enclaves con altas densidades".

Por todos istes motivos, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que:

  • En cumprimento da Directiva Aves non se autorice a caza do paspallás (Coturnix coturnix) na chaira da Limia antes da segunda semana de setembro, para que a especie poida a rematar o periodo de reproducción e crianza.
  • Extreme as precaucións á hora de aprobar ou non o aproveitamento cinexético especial do paspallás (Coturnix coturnix) na chaira da Limia en 2014, así como os condicionantes no caso de que finalmente se chegara a autorizalos.
  • Facilite á SGHN os censos ou estimas que teña da poboación de paspallás na chaira de A Limia para esta tempada.
  • Esixa aos TECOR o emprego dunha metodoloxía axeitada (e non sesgada) no deseño experimental, realización e interpretación dos censos poboacionais da especie, que deberán ser revisados en detalle pola Dirección Xeral antes de establecer os cupos de capturas.
  • Vixile con rigor o cumprimento dos cupos de capturas, a prohibición de capturar xóvenes e femias con cría e persiga o escandaloso abandono deliberado de pezas abatidas no campo.

 

SGHN pide unha avaliación urxente da "media veda" do paspallás

Ourense, 2 de agosto de 2013

Dende o comezo hai 15 anos dos aproveitamentos especiais ("media veda") do paspallás (Coturnix coturnix) na Limia, SGHN está a facer un seguemento continuado dos mesmos polas súas repercusións sobre o ciclo reprodutor do paspallás e a conservación desta e outras especies, cinexéticas ou nón (PDF1, PDF2, PDF3).

SGHN recibiu información acerca do aproveitamento especial do paspallás (Coturnix coturnix) en Tecores de A Limia, sinalando as escasas capturas realizadas na súa apertura no pasado fin de semana do 24 e 25 de agosto. Tendo en conta a diminución continuada de capturas (p.e. o 55% do cupo previsto na pasada tempada 2011/2012) e unha vez confirmada a información recibida por SGHN, faise necesario avaliar a situación do aproveitamento e tomar as oportunas medidas a fin de preservar a poboación de Coturnix coturnix e, especialmente, os individuos residentes non migrantes.

En consecuencia, SGHN ven de solicitar á Directora Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que con carácter de máxima urxencia avalíe os datos de captura de Coturnix coturnix neste primeiro fin de semana do aproveitamento especial en Tecores de A Limia, e obre en consecuencia. SGHN solicitoulle, ademais, información sobre:

  • Os resultados do aproveitamento mencionado e das resolucións motivadas que se adopten.
  • Os censos e/ou estudos poboacionais do paspallás realizados nesta tempada (con indicación de data e método) previos á apertura do aproveitamento especial.
  • Os informes e conclusións que levan a dictar a resolución de aprobación para o inicio do aproveitamento especial do paspallás.