logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

¿Media verdade ou mentira enteira?

Santiago de Compostela, 10-10-2012

No DOG do pasado día catro publicouse unha Resolución do 01-10-2012 pola que se modifica a data de inicio do período hábil para o exercicio da caza na tempada 2012-13, que adianta o comezo da tempada de caza do día 21 de outubro, establecido na Orden de 15-06-2012, ao 14 de outubro.

A única razón formalmente esgrimida na Resolución pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza son "as condicións biolóxicas producidas pola favorable climatoloxía rexistrada na pasada primavera e verán que propiciou un adianto no inicio da época reprodutora das especies cinexéticas". Unha simple ollada ao calendario e ao DOG amosa, sen lugar a dúbidas, que estamos ante unha simple excusa: a primavera vai do 21 de marzo ao 21 de xuño e a orde de vedas ditouse o 15 de xuño e publicouse no DOG do 26 de xuño. Xa que logo as condicións climatolóxicas da primavera eran sobradamente coñecidas e o suposto "adianto no inicio da época reprodutora das especies cinexéticas" debera estar de sobras documentado polos "expertos" do servicio de caza da Consellería e ser considerado na Orden de 15-06-2012.

Máis aló dos textos con validez legal (anuncios no DOG), na web da Consellería apúntase a que "con este adianto evítase que o primeiro día de caza coincida en xornada electoral facilitando así a labor das forzas de seguridade, pois permitirá conxugar a vixilancia e o correcto desenvolvemento dos comicios co apoio especial que sempre se presta no primeiro día da tempada de caza, especialmente pola Garda Civil". Este argumento non deixa de ser outra excusa pois, sen ir máis lonxe, as pasadas eleccións xerais celebráronse o 20 de novembro de 2011 en plena tempada de caza. Posto que os cazadores son menos do 3% da poboación, de producirse a dita situación de "agobio" para a Garda Civil, o máis sensato sería dar cobertura ao conxunto da cidadanía galega durante o exercicio do dereito ao voto e, de resultas, pospoñer a apertura da tempada de caza.

¿Cal é, pois, a razón do adianto? Simplemente a presión dos cazadores (os únicos consultados pois a Administración marxinou aos Comités de caza onde os grupos ecoloxistas temos representación) que así consiguen ter dous días máis de caza (o domingo 14 e o xoves 18) pois a data de peche da tempada mantense sen cambios.

Gañan os cazadores. Perde a biodiversidade e os "cidadáns desarmados" que teremos dous días menos para disfrutar do campo sen medo a unha bala ou un perdigonazo perdido.