logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Hai persoas que cazan bébedas ou drogadas en Galicia?

Oficialmente ninguén o sabe, nin tampouco cantas serían

Santiago de Compostela, 12-03-2013

SGHN recibiu xa resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e da Garda Civil (PDF) aos escritos que lles remitira a mediados de xaneiro pedíndolles información sobre o número e os resultados dos controis efectuados a cazadores para comprobar os niveis de alcoolemia e consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas, así como se cumprían “os requisitos esixidos” e dispoñían dos “oportunos permisos” (ver nova máis abaixo).

.Analizadas conxuntamente, as dúas respostas poñen de manifesto unha situación moi preocupante, pois ninguén sabe cantas persoas poderían estar a cazar bébedas ou drogadas en Galicia:

  • Segundo os datos recibidos da Garda Civil a porcentaxe de infractores da Lei de Caza é moi elevada xa que presentou denuncias contra 1 de cada 5 persoas identificadas, pero non indica nada respecto aos controis de alcoolemia e sustancias psicotrópicas.
  • Segundo a Dirección Xeral de Conservación da Natureza os controis de alcoolemia a cazadores "non se empezaron a levar a cabo porque aínda non se ten desenvolvida a normativa regulamentaria correspondente"

Imaxe: Número de inspeccións, persoas identificadas e denuncias presentadas contra cazadores pola Garda Civil por infraccións da lei de caza de Galicia.

Mentres que as leis de caza promulgadas a nivel estatal no século XX resultaron lonxevas (68 e 27 anos), as promulgadas pola Xunta de Galicia mudan tan rápido (9 e 7 anos, ver máis...) que seica non lles da nin tempo de desenvolver os regulamentos.

Pero non é cuestión de falta de tempo ou de medios senón de como se empregan, pois no canto de desenvolver os medios legais para que se poida aplicar algo tan importante para a seguridade de todos os cidadáns como os controis dos cazadores bébedos ou drogados a Xunta de Galicia "entretense" elaborando a súa terceira lei de caza dos últimos 16 anos (máis...).

Admitiría a sociedade que a Garda Civil de Tráfico non perseguese aos conductores bébedos ou drogados? Resultaría acaso menos perigosa unha persoa nesas condicións armada cunha escopeta ou un rifle? Ata cando continuará este grave perigo para os cidadáns e a biodiversidade?

 

Alcool, drogas e cazadores

Santiago, 15-01-2013

Con data 14-12-2004 SGHN solicitou “Que a Consellería de Medio Ambiente estableza controles obrigatorios de alcoholemia, ou consumo doutras drogas, para os cazadores, pois o consumo de alcohol ou drogas combinado co emprego de armas de fogo é alomenos potencialmente tan perigoso como o seu consumo combinado coa conducción de vehículos a motor” (PDF).

Dende a promulgación da Lei 6/2006, do 23 de outubro, de modificación da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia está prohibido “Cazar baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do cazador ou a súa capacidade de reacción” e tamén “Cazar con armas de fogo quen careza dos requisitos esixidos para iso ou non dispoña dos oportunos permisos.”

Transcorridos xa máis de seis anos dende a entrada en vigor da Lei 6/2006, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente e á Garda Civil información, desglosada por provincias, sobre o número e o resultados dos controis efectuados a cazadores para comprobar:

  • Os niveis de alcoolemia e consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas.
  • Se cumprían “os requisitos esixidos” e dispoñían dos “oportunos permisos”.