logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

"Rehabilitación" da Fábrica de Luz en Castro Romai (Lugo)

Xogando cos eufemismos e a conservación dos espazos naturais protexidos

Lugo, 02-12-2015

Co eufemismo de "rehabilitación" da antiga fábrica de luz e aumentando amplamente o caudal turbinado (de 7000 a 18000 l/s), o Concello de Lugo promoveu a posta en marcha dunha minicentral hidroeléctrica no interior dun Espazo Natural Protexido:

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga (Decreto 72/2004).
  • Zona Especial de Conservación Parga-Ladra-Támoga (Decreto 37/2014; DOG nº 62, 31-03-2014).
  • Zona Núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño (Lei 42/2007).

O proxecto pon en perigo o estado ecolóxico do treito fluvial (Directiva Marco da Auga), así como da integridade do Espazo Natural Protexido, repercutindo de forma negativa sobre o estado de conservación dos hábitats e das especies protexidas presentes no ámbito de actuación do proxecto:

  • 5 hábitats de interese comunitario (3260, 3270, 6510, 6410, 6430), que se omitiron ou ocultaron na avaliación ambiental, e 1 de conservación prioritaria (91E0*) (Directiva 92/43/CEE).
  • 4 especies de flora, 4 de invertebrados, 3 de peixes, 9 de anfibios, 7 de réptiles, 93 de aves e 13 de mamíferos incluidos nos Anexos II ou IV da Directiva 92/43/CE, no Anexo I Directiva 2009/147/CE), ou nos catálogos español (Real Decreto 139/2011) ou galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007). Resulta especialmente rechamante que o Estudo de Impacto Ambiental pretendese negar a presencia ben demostrada de especies como a lontra (Lutra lutra) e o nenúfar de río Nymphoides peltata.
A avaliación dos efectos do proxecto fose incorrecta ao non ter en conta os obxectivos de conservación do Espazo Protexido Rede Natura 2000 ZEC Parga - Ladra – Támoga (ES1120003) pero, ademais, estase a incumprir a Declaración de Impacto Ambiental durante a execución das obras, iniciadas o 13-11-2015 nun período contrario ao establecido na declaración de impacto ambiental: "As obras levaranse a cabo en épocas de estiaxe co fin de que os caudais a desviar sexan os mínimos posibles".

A este grave incumprimento únese o feito de que os diques construídos sobre a canle do rio Miño sitúanse fóra da área establecida pola propia Declaración de Impacto, aínda que seguen a afectar ao espazo natural protexido ZEPVN - ZEC Parga - Ladra – Támoga (ES1120003). Por todo iso, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF):

  • Que ordene a inmediata e permanente paralización das obras conducentes á posta en funcionamento da antiga fábrica da Luz no Río Miño, Castro Romai, e esixa a reversióno das actuacións ao estado orixinal do treito fluvial.
  • Que se investigue, e no seu caso sancione, o grave incumprimento da Declaración de Impacto Ambiental levada a cabo dende o comezo da obras, dando traslado deste á Fiscalia Superior de Galicia.
  • Que se revise de oficio a Resolución de Impacto Ambiental e se proceda á súa anulación ao ser totalmente contraria á normativa ambiental (Directiva 92/43/CE, Lei 42/2007, Lei 9/2001, Decreto 72/2004).

Resposta da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.
http://www.sghn.org/Incoación expediente sancionador pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Resposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente