logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Ecuación de des-economía eco-ilóxica

Ourense, Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2013

27-07-2002
Emisario de Antela (UTM 607.374-4.663.229)
seco por sobreexplotación para regadío

Poboación de A Limia = 23.450 habitantes (INE: censo de 2001)

+

  • 3.535.170 € para la "Mejora y modernización del regadío de la Comunidad de Regantes de la Laguna de Antela" (613 ha)
  • 2.640.364 € para la "Transformación en regadío de la zona de secano de la Laguna de Antela" (2087 ha)

=

31-08-2013
Emisario de Antela (UTM 607.374-4.663.229) seco por sobreexplotación para regadío (coa primavera máis fría e chuviosa dende 1986; AEMET)
Poboación de A Limia = 21.672 habitantes (INE: censo de 2011)

AS PROMESAS DOS PLANS DE REGADÍO...

  • "Unha ordenación das actuais extraccións a través de pozos"
  • "Poñer fin ás tomas de auga indiscriminadas e sen ningún tipo de control ... o cal suporá unha mellora do nivel freático e a recuperación dos ecosistemas acuáticos"
  • Axudar a frenar "o descenso de poboación xeneralizado en A Limia

...DESMENTIDAS POLA REALIDADE

  • 6.175.534 € DESPILFARRADOS
  • O EMISARIO DE ANTELA SEGUE SECANDO POR SOBREEXPLOTACIÓN
  • DIMINUCIÓN POBOACIONAL: 7,6% EN 10 ANOS

SGHN xa o advertiu antes do plan de regadío en 2002 ... e para os novos plans en 2013

QUEN ASUME AS RESPONSABILIDADES?

 

Catro novos proxectos de regadío na Limia

Esquecendo os erros do pasado non se pode construir o futuro

Ourense-Santiago, 10-01-2013

Unha identificación correcta do problema...

“... a situación actual da rega na zona proxectada pode considerase de caótica e totalmente carente de respecto ambiental... a maioría sen legalizar,... o concepto: Xestión da auga é un termo difícil de atopar entre os agricultores de A Limia. Descoñécense aspectos básicos do rego agrícola... grandes sistemas de rego funcionando en horas de máxima insolación, con forte vento, con aspersores e conducións en estado deficiente, sen controis de pluviometría e de repartición das cantidades de auga achegada aos terreos, sen control sobre posibles enfermidades fúnxicas e parasitos asociados ao rego, regando mesmo nas fases finais do cultivo de pataca algo que resulta moi prexudicial para a calidade do tubérculo”.

Aínda que ben o podería ser, o texto anterior non é de SGHN senón da “Descrición Xeral da Situación de Partida” feita no “Documento Ambiental” de 4 proxectos de “modernización sostible do regadío” na Limia que a Consellería de Medio Rural e do Mar quere realizar para as comunidades de regantes de Lamas-Ganade, Alta Limia, San Salvador de Sabucedo e Corno do Monte, que afectarían a 3.184 ha cun custo de 25,1-33,9 millóns de euros e aos que SGHN ven de respostar ás consultas previas.

...pero unha solución equivocada

Posto que o promotor, a consultora, o documento ambiental, o acuífero a explotar son sempre o mesmo e dende todos os puntos de vista (xeomorfolóxico, hidrolóxico, administrativo, agrícola e ambiental) a zona de actuación constitue unha unidade, SGHN entende que se trata dunha subdivisión artificiosa de proxectos que contravén o espírito e a letra do RDL 1/2008 de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos e o artigo 86.2 RDL 3/2011 de Contratos do Sector Público.

Fotografía: Motores extraendo (alegalmente) auga do Río Limia a plena luz do día.

Segundo o “Documento Ambiental” as obras de transformación en regadío (2.017 ha) ou modernización deste (612 ha) na Depresión de Antela “se teñen mostrado coma un verdadeiro éxito ante os retos ambientais, agrícolas e económicos aos que pretendía dar solución” ata ser “un consabido éxito económico, social e ambiental para esas terras”, pero non facilita información algunha que demostre ditas afirmacións no relativo:

  • Á mellora na eficiencia no uso da auga, con datos detallados dos caudais circulantes na canle de Antela augas abaixo da zona de rega e na estación de aforos de Ponteliñares antes e despois das obras de regadío así como dos niveis do acuífero rexistrados polos piezómetros instalados coas obras de regadío, pois os datos oficiais demostran claramente que os caudais ecolóxicos non se están a cumplir.
  • Á situación da calidade das augas superficiais e subterráneas na zona de actuación, a chaira de Antela, antes e despois das obras de regadío.
  • Ao incremento da rendibilidade agrícola e económica das explotacións con datos comparativos da situación antes e despois das obras de regadío.
  • A evolución demográfica detallada para as parroquias nas que ser realizou a transformación en regadío antes e despois das obras e comparativa coa evolución doutras parroquias onde non se fixo dita transformación en regadío.

Fotografía: Canón de rega na chaira da antiga Lagoa de Antela, despilfarrando auga que encharca a estrada.

Nos catro proxectos o “volume máximo anual“ de auga dividido entre a “superficie estimada a regar anualmente” da un total de 3.450 m3/ha e, considerando unha produción de patacas de 40.000 kg/ha, resulta nun consumo de ata 86 litros de auga por kilo de patacas producidas, francamente contradictorio coa suposta finalidade de “modernización sostible do regadío” e consecuencia lóxica de que, en realidade, o proxecto renuncia a mudar a situación actual:

“A forma na que se apliquen os caudais dependerá dos propios agricultores. Normalmente farase por aspersión, ben con sistemas modulares de cobertura ou ben con maquinas de rega de aspersión. A alternativa ambientalmente favorable, como poden ser a rega a pinga, non son coñecidos aínda na rexión e deberán ir entrando de forma progresiva. Estes sistemas, ademais de vantaxes medio ambientais claras: menores impactos visuais, acústicos, menores necesidades en fitosanitarios, maior eficiencia na aplicación de auga, etc., presentan tamén altas vantaxes agronómicas con colleitas máis altas e de maior calidade para a maioría dos cultivos. É evidente que é un sistema interesante dende moitos puntos de vista, pero non é viable conseguir que todos ou cando menos a maior parte das explotacións utilicen este sistema a medio prazo debido de forma xeral ao seu descoñecemento, e sobre todo, a que todas as explotacións están xa equipadas con outros sistemas, de tal forma que un cambio na actualidade suporía altísimos custos para os agricultores que farían inviable as explotacións na maior parte dos casos.”

Como indican os “Documentos ambientais”, o consumo dos enormes volumes de auga para rega concéntrase en 45 días de xuño-agosto, co que as puntas de consumo son elevadísimas acadando os 4,9 millóns de litros por hora aos que hai que sumar os dos regadíos xa “modernizados” na chaira de Antela e todas as outras extraccións, legais e ilegais, de auga para rega e abastecemento de granxas. Velaquí a orixe do recurrente colapso hidrolóxico na cabeceira do Limia todolos veráns.

Os novos proxectos de regadío pretenden ignorar a realidade da evolución demográfica en toda a bacía do río Limia (ver gráfico) que rebate de xeito indiscutible e demoledor o discurso triunfalista do éxito das transformacións de “desarrollismo duro” levadas a cabo nos últimos 55 anos: o declive demográfico da provincia de Ourense é un dos máis graves de toda España e, superando amplamente este triste récord, nos concellos limiaos o desplome poboacional (-53,4%) é case o doble do rexistrado no conxunto da provincia (-28,8%).

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) que, conforme á lexislación vixente, se realice un único Estudio de Impacto Ambiental para os catro “Proxectos de modernización sostible do regadío” e que se esixa imperativamente ao promotor que o EIA:

  • Avalíe os efectos acumulativos e sinérxicos dos catro proxectos e dos xa realizados nos terreos da antiga lagoa de Antela sobre:
  • Avalíe con detalle, rigor e datos contrastables os obxectivos que se pretenden acadar, con respecto á situación actual, en canto a:
    • Mellora na eficiencia no uso da auga expresada en litros de auga consumida por kilo de colleita.
    • Mellora na situación da calidade das augas superficiais e subterráneas na zona de actuación.
    • Incremento da rendibilidade agrícola e económica das explotacións en euros/ha/ano.
    • Mantemento ou recuperación da poboación.

Gráfico: Evolución dende 1900 ata 2011 da poboación nos concellos de A Limia segundo datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE) e principais proxectos públicos e privados desenvolvidos na Limia durante o mesmo periodo.

Aprender do pasado para construir un futuro para os pobos e o patrimonio natural de A Limia

Por último, pero non por iso menos importante, SGHN pide que o EIA avalíe con detalle, rigor e datos contrastables a alternativa de investir os 25,1-33,9 millóns de euros previstos en impulsar, de verdade, o desenvolvemento sostible de A Limia: potenciando a produción integrada na agricultura e a gandería e fomentando a transición progresiva á produción ecolóxica, cun selo de calidade e distinción vencellado á conservación dos sobranceiros valores naturais que aínda conserva a chaira limiá.