logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Restauración do meandro de Ponteliñares co proxecto "Life Regenera Limia"

Aproveitemos a oportunidade para facelo ben

Limia-Antela, 05-10-2016

Nunha recente xornada de traballo de campo, un equipo de SGHN comprobou pola cartelería e as obras en execución que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio están a desenvolver a "Acción B3" do proxecto "Life Regenera Limia" para reconectar coa canle actual (artificial) un antigo meandro do río Limia perto de Ponteliñares. SGHN puido así comprobar que dita "Acción B3" baséase nunha simplificación excesiva da realidade hidrolóxica do sistema fluvial Limia-Antela no seu treito final na chairá limiá antes do desecamento da Lagoa de Antela e a canalización dos principais cursos fluviais.

Lamentablemente, SGHN descoñecía os pormenores, condicións e criterios técnicos da restauración pois a súa petición (hai xa tres anos) dunha copia do Proxecto Life Regenera Limia (PDF) nunca tivo resposta da CHMS.

Coa vontade de contribuir a que a restauración permita achegar o meandro a unha situación o máis natural posible, a Sección Antela de SGHN decidiu adiantar cunha publicación parcial sobre o "meandro de Ponteliñares" (Braña 14:47-57) o traballo aínda en marcha de recompilación da evolución histórica do complexo húmido Limia-Antela que está a desenvolver.

Fronte á visión excesivamente simplificada do sistema fluvial Limia-Antela na zona do "meandro de Ponteliñares" contemplada na "Acción B3" do "Life Regenera Limia" (imaxe da dereita), unha interpretación máis coidadosa e detallada (imaxes de abaixo) revela como sería o trazado do leito ramificado do río Limia nesa zona antes da desecación.

Trazado simplificado do sistema fluvial Limia-Antela no "meandro de Ponteliñares" contemplado na "Acción B3" do proxecto "Life Regenera Limia".

SGHN remitiu esta información ao Presidente da CHMS (PDF) e á Conselleira de Medio Ambiente, solicitándolles que se reconsidere o trazado e a sección que se lle está a dar ao novo cauce na zona do antigo meandro do río Limia a fin de facilitar a consecución dunha situación semellante á que tería o río antes do desaugamento:

  • Favorecendo o fluxo da auga cara ás zonas máis baixas da área de traballo, tal e como naturalmente sucedería antes do desaugamento, e a conexión lateral dos cauces entre si e có bordo da chaira de asolagamento.
  • Ampliando a largura da canle principal en varios puntos do percorrido, como mínimo tal e como se recolle no mapa parcelario e catastrado.
  • Restaurando ao seu estado primixenio as pozas naturais que o río modelou dentro da área de traballo, para que recuperen a súa función e faciliten o fluxo da auga. Igualmente debería restaurarse o antigo meandro existente a carón do tendido eléctrico que atravesa a zona.
  • Manexando a vexetación actual coa retirada dos restos vexetais dispersos e a eliminación parcial do arborado e arbustos que impidan o normal fluxo da auga, incluíndo o das pozas naturais.
  • Eliminando no ámbito desta actuación (uns 570 m) a pista sen uso nen utilidade agrícola que discorre paralela e adxacente ao canal do río Limia para ampliar a chaira de asolagamento do río Limia e mellorar a capacidade de retención e asimilación de nutrientes.
  • Desviando o tendido eléctrico que actualmente atravesa a zona do meandro e que, de conservarse, hipotecaría os valores ambientais da zona, nomeadamente os paisaxísticos e os ornitolóxicos.

Trazado do sistema fluvial Limia-Antela con caudal intermedio (cor cián, máis intenso canto máis profundas as augas) sobre as fotos aéreas de 1956 (esquerda) e 2010 (dereita). Máis imaxes en Braña 14:47-57. En cor violácea a canle rectilínea aberta a mediados do século XIX.

 

Confederación, Consellería de Medio Ambiente, COREN, Deputación, Gas Natural...

"LIFE Regenera Limia": con estes vimbios, pódese facer un bó cesto?

Versión en castellano

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013

O pasado día 4 a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil fixo pública a presentación da candidatura "LIFE Regenera Limia" ao programa LIFE 2013, un proxecto de tres anos de duración e cun orzamento de 2,2 millóns de euros, para o que se solicita á Unión Europea un cofinanciamento do 50%, co "principal obxectivo de facer compatible a actividade agraria e gandeira co bo estado das masas de auga da comarca, na que se ten rexistrado unha alta concentración de nutrientes".

Como non podía ser menos nun proxecto presentado ao programa "Life +", os obxectivos sobre o papel son moi loables, pero
cales son os "antecedentes ambientais" na Limia dos protagonistas desta historia?

Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (antes Confederación Hidrográfica do Norte):

  • Leva 15 anos mirando cara outro lado diante de colapso hidrolóxico na chaira limiá (foto dereita) que se repite anualmente cada verán (máis...) e da proliferación indiscriminada de macro-granxas industriais que, pola pésima xestión dos seus residuos, provoca un aumento desorbitado dos niveis de nutrientes (nomeadamente fósforo) e a asfixia dos ecosistemas acuáticos que ven sendo puntualmente documentado cada poucos minutos pola estación automática de calidade das augas que a propia Confederación ten en Ponteliñares (máis...).
  • Ignorando os seus beneficios para a autodepuración das augas (que non embargantes recoñece no proxecto LIFE), elimina unha e outra vez a vexetación acuática dos cauces fluviais (máis...), pretendendo dragalos (máis...) e planificando actuacións innecesarias, contraproducentes, contrarias ao Plan Hidrolóxico e fóra das súas competencias legais (máis...).

Consellería de Medio Ambiente:

  • Malia as reiteradas peticións de SGHN, nunca avaliu os efectos sinérxicos e acumulativos da proliferación de macro-granxas industriais na Limia (máis...), fixo caso omiso das alegacións de SGHN aos plans de regadío (máis...) e, a pregunta do Presidente de SGHN, "botou balóns fóra" no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible atribuindo todas as responsabilidades á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, obviando o feito de que na parte ourensá da bacía do Limia hai un Parque Natural, dúas ZEPAs, dúas Reservas da Biosfera e dous LICs, competencia da Xunta de Galicia.
  • Case dous anos xa fóra do prazo establecido legalmente polo Artigo 6 do Decreto 411/2009, aínda non se fixo público o “Plan de desenvolvemento sustentable orientado ao fortalecemento da actividade económica, social e cultural ... que establecerá medidas de apoio e orientación tendentes ao desenvolvemento da actividade agraria en réxime sustentable, de cara a harmonizar a obtención de bens e servizos co mantemento dun estado de conservación favorable das especies e dos hábitats que as sustentan”. Plan que debera ter en conta o "LIFE Regenera Limia" e que SGHN reclamou sen éxito hai máis de ano e medio (ver PDF).

COREN:

Unha boa parte, senón a ampla maioría, das explotacións gandeiras de A Limia están vencelladas ou impulsadas polo grupo COREN, o cal suxire que iste conglomerado de empresas ten un plan definido de intensificación gandeira na chaira da Limia que nunca se someteu a avaliación ambiental conxunta (máis...), unha estratexia que logo tentou tamén aplicar (sen éxito polas denuncias de SGHN) na Serra do Xistral (máis...). O interese de COREN pola situación das augas do río Limia quedou ben patente coas denuncias dos veciños de Muiños polo verquido continuado de puríns procedentes doutras zonas nuns terreos supostamente adicados a gandería extensiva (foto dereita).

Deputación Provincial de Ourense:

Construiu con fondos europeos dun "Programa transfronteirizo" a antiga EDAR de Xinzo de Limia que nunca chegou a funcionar e logo pretendeu reconvertila nunha "Planta depuradora nodriza de augas residuais domésticas e de lodos de fosas sépticas" con fondos FEDER (foto esquerda) polo que SGHN informou ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas da UE de que cabería a posibilidade de que a “obra civil” da devandita depuradora fose “construida” e sufragada con fondos públicos europeos en dúas ocasións (máis...).

Gas Natural SDG, SA (antes FENOSA):
  • Dende a construción do encoro de As Conchas en 1949 mantén prácticamente seco un treito de 3 km de río entre o muro de presa e a central hidroeléctrica (foto dereita) e opúxose frontalmente aos caudais ecolóxicos mínimos establecidos no Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil.
  • A sabendas de que suporía o envelenamento das augas do encoro de Salas coas augas infectas do encoro de As Conchas, pretende a construción dunha central hidroeléctrica reversible entre ámbolos dous encoros (máis...). Máis que cunha preocupación real polo estado ambiental do río Limia, ou mesmo unha operación para maquillar de verde a súa imaxe corporativa, o papel de Gas Natural como co-financiador no proxecto Life agora presentado ten relación co convencemento de que sen acadar un bó estado ecolóxico das augas do río Limia a Unión Europea considere que a central reversible Salas-Conchas é contraria á Directiva 2000/60 pola que se establece un marco comunitario en política de augas.

Con estes "antecedentes ambientais", SGHN é moi escéptica acerca da vontade real dos protagonistas do "LIFE Regenera Limia" do cal xa solicitou unha copia á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (PDF) e ao que fará un seguemento detallado. Oxalá dito proxecto se desenvolva como debería, pois nada desexaría máis SGHN que poder felicitar pola súa reconversión ecolóxica ás empresas e administracións implicadas. Pero se tentan desvirtuar o proxecto cun novo desbaldimento de fondos públicos poden ter por seguro que SGHN porá os feitos en coñecemento das autoridades da Unión Europea.