logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

No Tour de Francia demostrou que Floyd Landis era un tramposo. Gañou un galego

Na Limia demostra quen está a xogar sucio coas augas. Gañaremos os galegos (e os portugueses)

Versión en castellano

Tres días despois de rematar o Tour de Francia de 2006, saltaba aos medios de comunicación que o gañador Floyd Landis dera positivo por testosterona no control anti-dopaxe dunha das etapas reina. Landis proclamou a súa inocencia dicindo que estaba limpo e que eses niveis tan altos de testosterona eran naturais en él. O seu amigo Lance Amstrong (hoxe tramposo confeso e desposeído dos seus sete Tours) defendeuno con vehemencia.

Pero dende o primeiro momento o experto de SGHN en isótopos estables estivo 100% seguro de que Floyd Landis era un tramposo e, ademais, un mentireiro. Cómo podía estar tan seguro? Pois porque na primeira nova difundida en TV indicouse que o positivo baseábase nunha análise GC-IRMS. Esas siglas case xeroglíficas indicaban aos expertos nesa técnica que no laboratorio atoparan testosterona sintética nos ouriños de Landis. Pero, cómo puideron diferenciar a testosterona natural da sintética? Pois porque a súa composición isotópica é diferente aínda que as moléculas sexan aparentemente iguais cando se analizan con outras técnicas.

Qué ten que ver iso coa Limia? Pois que a CHMS encargou en 2012 un estudio ao Prof. Delgado Huertas do Laboratorio de Bioxeoquímica de Isótopos Estables do CSIC en Granada para averiguar a(s) orixe(s) da contaminación por nitratos nas augas do río Limia, baseándose na composición isotópica do nitróxeno e o osíxeno dos nitratos, que é diferente segundo a súa procedencia.

Ao facerse público que a CHMS xa recibira o estudio, SGHN solicitou unha copia do mesmo ao abeiro da lexislación que garante o acceso á información ambiental e a CHMS facilitouno en soporte informático. Velaquí en primeiro lugar a transcripción textual das conclusións do informe do CSIC e, de seguido, unha análise estatística dos datos feita polos expertos de SGHN que a combinaron cunha interpretación xeográfica, hidrográfica, demográfica e de carga gandeira. SGHN envioulle copia do informe ao Presidente da CHMS (PDF) e ao Director General del Agua del Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (PDF) pois os resultados son moi reveladores...

As conclusións do informe do CSIC

(Delgado, A. 2014. Informe. Actuaciones para la cuantificación del origen de la contaminación difusa por presencia de nitratos en la cuenca del río Limia mediante la realización de un estudio isotópico)

  1. "Los nitratos están muy enriquecidos en 15N. Lo que indica una contribución importante de residuos ganaderos y/o la presencia de residuos urbanos no bien depurados.
  2. Sorprende que relativamente pocas muestras conservan una señal típica de fertilizantes inorgánicos. Procesos de desnitrificación-nitrificación podrían estar alterándolas.
  3. Valores isotópicos de oxígenos de nitratos relativamente altos, que no están asociados a bajos valores en δ 15N, estarían indicando altos valores 18O del oxígeno (gas) implicado en la génesis del nitrato. La explicación más coherente sería la contribución de un oxígeno edáfico residual tras procesos de respiración. Esto es concordante con una maduración de residuos ganaderos que hayan podido ser empleados como fertilizantes.
  4. Resulta necesario monitorizar la evolución isotópica de los nitratos en la cuenca, para verificar así el cumplimiento de las actuaciones que se lleven a cabo. Por otra parte, se superponen diferentes procesos biogeoquímicos que resulta complejo de evaluar, por lo que es recomendable continuar la monitorización, al menos, trimestralmente. Añadiendo análisis isotópicos de N2 y N2O. Y así como estudio de las razones O2/N2. Parámetros de gran interés para estimar procesos de desnitrificación. También sería de interés analizar el valor d 18O del oxígeno disuelto en el agua y oxígeno de suelos o presente en zonas de acumulación de gallinácea o purines."

Análise estatística, xeográfica, hidrográfica, demográfica e de carga gandeira feita por SGHN

A análise de SGHN baséase estrictamente na información contida no "Anexo I. Datos obtidos" do Informe do CSIC (táboa págs. 19-20). Os datos exportáronse a un arquivo do paquete estatístico SPSS 15.0, co que se realizou en primeiro lugar unha análise exploratoria para detectar posibles casos atípicos ou extremos que puidesen afectar á interpretación dos resultados. A continuación realizáronse análise de varianza para cada variable estudada co fin de establecer se existen ou non diferenzas significativas entre localidades (ou zonas) de muestreo e elaboráronse unhas gráficas cun formato diferente ao das incluídas no Informe do CSIC pero, insistimos, obtidas directamente a partir dos datos orixinais.

Puntos de muestreo

Nas táboas e gráficas elaboradas por SGHN a partir dos datos do Informe do CSIC conservouse a numeración orixinal dos puntos de muestreo, pero estes non aparecen en orde numérico correlativo senón que se reordenaron, agrupándoos en base a criterios xeográficos-hidrográficos.

En aras a facilitar o seu visualización e interpretación, nas gráficas estableceuse un código de cores para cada unha das zonas identificadas por SGHN: cabeceras fluviales, sub-cuenca de Antela, charca arenera, sub-cuenca do Limia, Limia-Antela e embalse das Conchas.

Observación : Para os puntos 9, 10 e 14 o informe do CSIC non analizou todas as variables, por iso non aparecen nalgunhas das gráficas elaboradas por SGHN.

En base ás análises isotópicas, o Informe do CSIC descarta acertadamente que os nitratos procedan de fertilizantes inorgánicos sintéticos empregados na agricultura e destaca que a súa orixe son residuos orgánicos ganaderos e/ou humanos. 

Xa que logo, unha vía obvia para intentar avanzar na identificación da orixe do problema sería comprobar se as variables analizadas presentan ou non algunha relación coa poboación humana e a carga gandeira existente augas arriba de cada punto de muestreo. Respecto diso, a chaira da Limia brinda unha interesante oportunidade pois se poden diferenciar dúas sub-bacías hidrográficas nas que a poboación é moi diferente (relación 2,6 a 1) pero a carga gandeira é case idéntica: a sub-bacía do Antela e a sub-bacíaa do Limia augas arriba da confluencia de ámbolos dous ríos. Grazas a esta situación pode plantexarse como hipótese a verificar que se a orixe maioritaria dos nitratos fosen augas residuais urbanas mal depuradas debería haber diferenzas importantes para as variables estudadas entre ambas sub-bacías, mentres que se a orixe maioritaria fosen residuos gandeiros as analíticas deberían ser moi similares en ambas sub-bacías.

Concentración de nitratos disoltos

  • Por localidades individuais de muestreo, os máximos valores rexístranse no punto CSIC-6 (Antela-1) e CSIC-13 (charca areeira). Descartando os valores atípicos e extremos (que afectan sobre todo ao punto CSIC-6 con tres valores elevadísimos, unhas 2-3 veces maiores que os seguintes máis altos), os promedios máis elevados obtéñense nos puntos CSIC-13 (charca arenera) e CSIC-7 (Antela-2).
  • Na sub-bacía do Limia, a evolución dos niveis de nitratos nos puntos de muestreo sucesivos non encaixa en absoluto coas enormes diferenzas de poboación que verte as súas augas residuais en cada tramo.
  • Por zonas, a sub-bacía do Antela presenta valores medios similares aos da charca areeira e os dous son un 50% maiores que os da sub-bacía do Limia.

Os resultados por sub-bacía apuntan a que a orixe maioritaria dos nitratos non son os vertidos de augas residuais dos núcleos de poboación, e encaixarían mellor cunha orixe gandeira, pero non son concluíntes pois a concentración depende tamén do factor de dilución dos nitratos no caudal do río no punto de muestreo.

Os valores rexistrados na charca areeira non encaixan coa ausencia de verquidos de augas residuais urbanas (núcleo de poboación máis próximo a 2 km e non conectado por curso de auga), e coa súa distancia ás canles do Antela (700 m) e o Limia (1,7 km) que recollen os verquidos dos núcleos de poboación augas arriba. Tampouco encaixan co feito de que nun radio de 1 km a actividade gandeira é relativamente reducida (3 granxas pequenas) e a agrícola tamén, pois a metade da superficie non está dedicada á agricultura senón á minería (extracción de áridos).

En resumo, as gráficas indican que á chaira limiá chegan augas limpas das cabeceiras, que se cargan de nitratos rápidamente na sub-bacía do Limia e, sobre todo, do Antela, para logo diminuír augas abaixo da confluencia de ámbolos dous ríos, seguramente por procesos de auto-depuración grazas á vexetación acuática da canle e tamén ao aporte de augas máis limpas antes (ríos Vidueiro e Fírveda) e despois de abandonar a chaira (río Cadós, augas turbinadas ás Conchas desde o encoro do Salas).

Gráficos: Valores medios (barras) e intervalo de confianza (liñas verticais) das concentracións de nitratos disoltos en cada punto de muestreo do CSIC e en cada zona identificada por SGHN unha vez excluídos os valores atípicos e extremos.

Delta 15N dos nitratos disoltos

  • Os valores en todas as localidades individuais de muestreo na chaira son moi diferentes dos rexistrados nas cabeceiras dos ríos, pero semellantes entre si.
  • Comparados cos valores das augas da cabeceira, o enriquecimento en 15N dos nitratos na sub-bacía do Antela é maior ou igual que o rexistrado na sub-bacía do Limia.

Tendo en conta os datos demográficos e de carga gandiera de cada zona, estes resultados, novamente, non encaixan cunha procedencia maioritaria de augas residuales urbanas mal depuradas pero si cunha orixe gandeira. Ademais, o delta 15N é unha variable á que non afecta o factor de dilución segundo o caudal do río en cada punto de muestreo, polo que proporciona unha evidencia máis sólida da orixe dos nitratos que a simple medida da súa concentración.

Pese á ausencia de núcleos de poboación e a relativamente baixa actividade agrícola e gandeira na súa contorna, os elevados valores de delta 15N medidos na charca areeira indican, sen lugar a dúbida algunha, que as súas augas están notoriamente afectadas por verquidos de residuos orgánicos.

Gráficos: Valores medios (barras) e intervalo de confianza (liñas verticais) da abundancia natural de 15N nos nitratos disoltos en cada punto de muestreo do CSIC e en cada zona identificada por SGHN unha vez excluídos os valores atípicos e extremos.
Observación importante: ao igual que acontece, por exemplo, coa temperatura en graos centígrados, os valores de delta 15N na natureza poden ter valores negativos xa que se emprega como valor de referencia (o cero) o promedio no nitróxeno do aire (AIR).

Delta 18O dos nitratos disoltos

  • Comparados cos valores das augas da cabeceira, o enriquecimento en 18O dos nitratos na sub-bacía do Antela é maior ou igual que o rexistrado na sub-bacía do Limia. De novo, interpretados conxuntamente cos datos demográficos e de carga gandeira de cada zona, os resultados non apoian a hipótese dunha orixe maioritariamente humana da contaminación por nitratos e si apoian a hipótese dunha procedencia gandeira.
  • Os valores de 18O rexistrados na charca areeira son semellantes aos observados nas sub-bacías do Antela e o Limia, apoiando o xa indicado polo delta 15N de que, en contra do esperable en base á información demográfica e gandeira da súa contorna, a charca areeira está sen dúbida afectada por verquidos de residuos orgánicos.

Gráficos: Valores medios (barras) e intervalo de confianza (liñas verticais) da abundancia natural de 18O nos nitratos disoltos en cada punto de muestreo do CSIC e en cada zona identificada por SGHN unha vez excluídos os valores atípicos e extremos.
Observación importante: ao igual que acontece, por exemplo, coa temperatura en graos centígrados, os valores de delta 18N na natureza poden ter valores negativos xa que se emprega como valor de referencia (o cero) o promedio na auga dos océanos (Standard Mean Ocean Water, SMOW).

Delta 13C do carbono inorgánico disolto

Fronte a uns valores relativamente homoxéneos nos restantes puntos de muestreo na chaira da Limia, o sinal isotópico de 13C no carbono inorgánico disolto nas augas da charca areeira é:

  • Moi DIFERENTE da rexistrada en calquera dos restantes 13 puntos de análises da Limia (cabeceira, chaira e encoro), o cal suxire unha peculiaridade na súa orixe.
  • Moi DIFERENTE da esperable por disolución do CO2 orixinado pola descomposición aeróbica de materia orgánica.
  • COHERENTE cun aporte de lixiviados procedentes de depósitos de residuos orgánicos que sufran un moderado ou intenso proceso de metanización, que orixina un forte fraccionamiento isotópico que da lugar á produción de metano empobrecido en 13C (que se volatiliza á atmosfera) e un enriquecimento en 13C da restante materia orgánica e os lixiviados que xera (Baedecker e Bac, 1979; Games e Hayes, 1977; Hackley et al., 1996; Haarstad e Mæhlum, 2013; Harwood, 2014; North et al., 2004; Rank et al. 1996; Walsh et al. 1993).
Gráficos: Valores medios (barras) e intervalo de confianza (liñas verticais) da abundancia natural de 13C do carbono inorgánico disolto en cada punto de muestreo do CSIC e en cada zona identificada por SGHN unha vez excluídos os valores atípicos e extremos.
Observación importante: ao igual que acontece, por exemplo, coa temperatura en graos centígrados, os valores de delta 13C na natureza poden ter valores negativos. De feito na meirande das mostras actuais (plantas e animais) os valores son negativos pois, por convención, emprégase como valor de referencia (o cero) a medida nun fósil (Pee Dee Belemnite, PDB).

Orixe da contaminación por nitratos no punto CSIC-6

O punto de muestreo CSIC-6 na canle de Antela sitúase apenas 1 km augas abaixo do macro-complexo gandeiro de COREN na Pedra Alta constituído por 28 granxas cunha capacidade total de 300.000 polos e 5.000 porcos (produción anual de 1.650.000 polos e 15.000 porcos). Cunha carga gandeira de 2.250 UGM, esta macro-instalación de gandería industrial equivale por si soa, en canto a produción de excrementos, a unha poboación de máis de 46.000 persoas, é dicir, unha cifra 23 veces maior que os habitantes de todos os pobos existentes augas arriba do punto CSIC-6.

Na mesma parcela sitúase unha planta de tratamento de puríns denominada "Centro Tecnolóxico Medioambiental" (CTM) que construíu en 2007 a Sociedade Galega de Residuos Ganaderos (creada por COREN e Caixa Galicia) cun investimento de 22 millóns de euros. Queimando gas natural conducido por un gasoducto construído ex-profeso, o CTM era capaz de secar 100.000 toneladas de puríns e reducilas a 15.000 de abono orgánico para o seu uso agrícola, producindo ao mesmo tempo electricidade que comercializaba. A viabilidade económica do CTM estaba supeditada ao cobro das primas á produción eléctrica neste tipo de plantas e pechou en 2014 ao desaparecer ditas primas (as análises do CSIC realizáronse no periodo 2012-2013).

Amoreamento de lodos de puríns e esterco de galiña no exterior do CTM (arriba) e cartel na súa entrada (abaixo) onde as árbores están moi saudables, non como as situadas xusto detrás do cartel (dereita). Unha casualidade?

Orixe da contaminación por nitratos no punto CSIC-6

Como no caso anterior, unha imaxe (fotos aéreas do SIGPAC, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) vale máis que mil palabras para explicar a orixe da contaminación no punto de muestreo CSIC-13, situado nunha charca areeira que está a 400 m dun xigantesco depósito de esterco de galiña (galiñaza) ao aire libre e directamente sobre a terra.

Na "tempada baixa" de demanda agrícola destes abonos orgánicos, nas 2 ha de superficie das parcelas 639 e 10631 do polígono 504 de Sandiás chegan a amorearse ata 600-800 toneladas de galiñaza. O problema ambiental agrávase porque boa parte da "tempada baixa" coincide cos meses máis chuviosos e sucede o esperable: a choiva se infiltra polos montóns de galiñaza que fermentan á intemperie e orixínanse negros lixiviados cargados de nutrientes (seguramente tamén de antibióticos e hormonas) que pasan directamente á rede de drenaxe e así ás augas superficiais e subterráneas, comezando polas charcas areeiras máis próximas

SÍNTESE E CONCLUSIÓNS

  • Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fosen vertidos de augas residuais urbanas insuficientemente depuradas cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados aos principais núcleos de poboación, especialmente ó núcleo urbán de Xinzo de Limia que concentra máis dun terzo de toda a poboación da chaira da Limia. Os resultados desbotan esta posibilidade.
  • Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fose a mala xestión dos residuos orgánicos das granxas industriais cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados a lugares nos que se concentra a produción (macro-granxas) ou o almacenamento (esterqueiras, fosas de puríns inadecuadas) destes residuos. Os resultados confirman sen dúbida esta posibilidade para os dous puntos estudados que presentan os niveis máis altos de contaminación.
  • O encoro das Conchas (8 km augas abaixo da chaira da Limia) construíse en 1949. Durante máis ou menos medio século as súas augas mantivéronse limpas, pese a soportar os vertidos das augas residuais do dobre da poboación actual e, ademais, sen tratamento de depuración algún.
    A partires de 1989 a gandería industrial comezou a crecer de xeito espectacular e sostido na chaira da Limia facendo que o gando estabulado aumentase anualmente unhas 2.200-2.300 UGM. Tralo cambio de século, cunha poboación reducida un 40% respecto de 1950, pero cunha carga gandeira xa superior a 40.000 UGM comezaron os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas nas Conchas. Os últimos datos oficiais dispoñibles indican que na chaira da Limia:
    • A poboación era de 19.523 habitantes en 2013.
    • A carga gandeira era de 62.547 UGM no ano 2009, polo que tendo en conta o seu ritmo constante de crecemento (ver gráfico) na actualidade alcanzaría xa as 75.000 UGM, que en produción de residuos equivalen a unha poboación de 1.400.000 - 1.600.000 persoas. Noutras palabras: á metade de toda a poboación de Galicia concentrada en só o 1% da súa superficie.
      A evolución histórica contraposta da poboación humana e a gandería industrial na chaira da Limia xa suxería con claridade que a grave eutrofización do encoro das Conchas e os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas recurrentes nos últimos anos non podían deberse a vertidos urbanos insuficientemente depurados senón aos residuos mal xestionados dunha carga gandeira desorbitada. Os datos do estudo do CSIC corroborárono.
  • A elevada contaminación atopada no punto CSIC-13 indica que as augas das charcas areeiras están actualmente tan contaminadas ou máis que as dos cursos de auga da Limia. Esta situación é de gran importancia para o proxecto LIFE "Rexenera Limia" pois suscita dúbidas adicionais moi serias sobre a eficacia do proxecto para "depurar" as augas do río de Antela facéndoas circular a través das charcas areeiras que, polas súas propias características (gran profundidade, beiras de pendente moi pronunciada, escasa vexetación e desconexión funcional co terreo circundante) xa son de por si inadecuadas para esa finalidade.

Bibliografía citada

  • Baedecker MJ, Back W. 1979. Hydrological processes and chemical reactions at a landfill. Ground Water 17: 429-437.
  • Games LM, and Hayes JM. 1977. Carbon isotopic study of the fate of landfill leachate in groundwater. J. Water Pollution Control Federation 49: 668-677.
  • Hackley KC, Liu CL, Coleman DD. 1996. Environmental isotope characteristic of landfill leachates and gases. Ground Water 34: 827-836.
  • Haarstad, K., Mæhlum, T. 2013. Tracing solid waste leachate in groundwater using d13C from dissolved inorganic carbon. Isotopes Environ Health Stud. 49:48-61. doi: 10.1080/10256016.2012.668902.
  • Harwood, J.J. 2014 Where Did That Pollution Come From? A Review of Chemical and Microbial Markers of Organic Pollution. Int J Waste Resources 4: 159. doi:10.4172/2252-5211.1000159
  • Kendall, C. 1998. Isotope Tracers in Catchment Hydrology (1998), C. Kendall and J. J. McDonnell (Eds.). Elsevier Science B.V., Amsterdam. pp. 519-576.
  • Mook, W.G., Tan, F.C. 1991. Stable Carbon Isotopes in Rivers and Estuaries. In: Degens, E.T., Kempe, S., Richey, J.E. (Eds.), Biogeochemistry of Major World Rivers. Wiley, New York, NY,
  • North, J.C., Frew, R.D., Peake, B.M. 2004. The use of carbon and nitrogen isotope ratios to identify landfill leachate contamination: Green Island Landfill, Dunedin, New Zealand.. Environment International 30, 631-637.
  • Rank D, Papessch W, Rajner V. 1996. Environmental isotopes study at a research landfill (Breitenau, Lower Austria). International Atomic Energy Vienna, IAEA-SM-336/111P, 379-381.
  • Spruill, T.B., Showers, W.J., Howe, S.S., 2002. Application of Classification-Tree Methods to Identify Nitrate Sources in Ground Water. Journal of Environmental Quality 31, 1538-1549.
  • Walsh DC, LaFleur RG, Bopp RF. 1993. Stable carbon isotopes in dissolved inorganic carbon of landfill leachate. Ground Water Management 16: 153-167.
  • Zebarth, B.J., Paul, J.W., Chipperfield K. (1999) Nutrient losses to soil from field storage of solid poultry manure. Canadian Journal of Soil Science 79, 183-189.

Outra vez A Limia: SGHN solicita informes e plans oficiais

Ourense-Santiago, 04-09-2014

Dende hai anos e en múltiples ocasións SGHN expuxo os problemas da auga na comarca da Limia debido á contaminación difusa de orixe agrogandeiro e que se estenden augas abaixo polo menos ata o encoro de As Conchas. Todos os datos e análises ata agora coñecidos veñen a corroborar esta afirmación, o cal é lóxico pois baste dicir que na chaira de Antela comen, beben e defecan unha morea de porcos e galiñas, vacas e coellos, todos estabulados en macro-granxas industriais:

  • A produción de feces e ouriños é de 1,35 kg/día no caso do home, 4 kg/día nos porcos adultos, 28 kg/día nas vacas adultas para produción de carne, 45 kg/día en vacas leiteiras, 7 kg/día en terneiros, 100 g/día en galiñas ponedoras e 60 g/día en polos de carne.
  • As táboas de conversión das distintas especies gandeiras a Unidades de Gando Maior (UGM: o equivalente a vacas adultas) indican que en A Limia hai actualmente entre 70.000 e 75.000 UGM de gando estabulado en granxas industriais que en total, a 28 kg/día cada unha, producen entre 2.000 e 2.100 toneladas diarias de zurros e estercos, é dicir, unha cantidade de feces e ouriños semellante a que se xenera nunha cidade de 1,3 a 1,5 millóns de persoas ou, o que é mesmo, a metade da poboación de Galicia.

Carga gandeira estabulada en macro-granxas industriais na Limia

Dende o punto de vista da xeración de residuos, esta enorme "poboación humana equivalente" en forma de gando estabulado contrasta coa cativa "poboación humana real" de tódolos concellos da bacía do río Limia en Ourense (35.000 persoas). Unha simple regla de tres indica que alomenos o 97% dos vertidos xerados procederían do sector agrogandeiro das macro-granxas industriais. Para comparar e contrastar resultados, SGHN acaba de pedir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF) o informe que sobre o tema encargou ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que aportará sen dúbida datos relevantes en relación coa orixe do problema e as súas repercusións.

Ademais do caso concreto da contaminación do recurso auga, SGHN tamén está preocupada pola xestión humana dos restantes recursos naturais da Limia, polo que ven de insistir diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que dunha vez por todas cumpra as súas propias directrices e publique o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da ZEPA da Limia (PDF). Pois o atraso (xa de tres anos!!!) na súa aprobación produce un baleiro legal que dificulta a toma de decisións polos axentes implicados e multiplica innecesariamente os problemas socioambientais da comarca e a incerteza da poboación.

Con todo SGHN entende que outra Limia é posible e que se pode compatibilizar a conservación ambiental coas actividades agrogandeiras, e niso segue traballando.