logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Outra vaca no millo? Aínda pior: outra draga no Limia!

Imaxes arriba e dereita: Ano 2014, afundimento da terceira escolleira construida no mesmo sitio en 20 anos.

Ourense e Xinzo de Limia, 08-11-2016

Dende que se canalizou e rectificou o río Limia nos anos 70, veñen sucedéndose unha e outra vez actuacións "duras" de enxeñería fluvial: construción de motas, escolleiras e azudes, combinados con dragados reiterados para supostamente "limpar" o leito do río e evitar as enchentes na vila de Xinzo de Limia.

Como no resto do mundo, estas actuacións teñen fracasado unha e outra vez (máis...). No mundo civilizado, as autoridades responsables da xestión hidráulica xa aprenderon a lección e actúan en consecuencia, deixando máis espazo aos ríos para que se desenvolvan segundo unha dinámica máis natural.

Lamentablemente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, creada no século XXI pero con mentalidade do século XIX, semella non querer enterarse da realidade e, malia coñecela, quere apostar de novo polo dragado total do río Limia nun treito de 1,4 km: unha das piores alternativas analizadas dende os puntos de vista de durabilidade e ambiental. Por todo iso, SGHN ven de presentar as seguintes alegacións ao “Estudio de alternativas – Documento ambiental. Mejora de la capacidad de drenaje del rio Limia a su paso por Xinzo de Limia (Ourense)” (PDF):

  • Que se desboten totalmente as alternativas nº 1, 2 e 3 (eliminación de azudes e reforzo de noiros con muros krainer ou escolleira), a nº 5 (creación de "bypass", cunha nova canle de 30 m de ancho), a nº 7 seleccionada (dragado parcial) e a nº 8 (dragado total).
  • Que se consideren únicamente as alternativas nº 4 (ampliación da canle en 15 m) e nº 6 (recuperación da antiga canle do Faramontaos con ou sen traslado da subestación de Xinzo) por ser as únicas que de verdade poden resolver a inundabilidade na vila de Xinzo de Limia e son aceptables e beneficiosas desde un punto de vista ambiental.
  • Que se avalíe, ademais, a posibilidade de:
    • Reconectar coa canle actual a antiga canle meandriforme do río Limia augas abaixo de Xinzo de Limia para que actúe como "bypass" natural durante as crecidas, cos enormes beneficios cualitativos e cuantitativos que aportaría para o recurso auga na llanura da Limia.
    • Recuperar a pequena zona inundable outrora existente entre os ríos Limia e Nocedo augas abaixo da estrada OU-304 (hoxe en gran medida reenchida con escombros e residuos diversos) na liña das actuacións realizadas no humedal suburbano de Salburúa (Vitoria). Esta alternativa, ademais de aportar interesantes servizos recreativos á poboación axudaría a laminar as enchentes, a mellorar a calidade do auga e a conservar a flora e a fauna asociadas aos humedales.
    • Polas razóns indicadas no punto anterior, que se reconverta unha parte do actual parque de O Toural de Xinzo de Limia nun pequeno humedal urbano.

A alternativa seleccionada contempla a "retirada da totalidade das illas de area presentes no leito" polo que suporía a destrución total dos "traballos de bioenxeñería para a adecuación, protección e integración da illa formada augas abaixo do azude nº1" (imaxes arriba) realizados en 2014 con fondos da UE. SGHN advirte a todas as administracións españolas implicadas que de continuar coa tramitación do proxecto verase obrigada a poñelo en coñecemento da Comisión Europea e a Oficina de Loita contra a Fraude para que avalíen se se trata dun caso de utilización incorrecta de fondos europeos e, xa que logo, susceptible de que a Unión Europea reclame a súa devolución.

SGHN pide a paralización doutro proxecto lesivo da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

A alegría sempre dura pouco na casa do pobre (río Limia)

Ourense e Xinzo de Limia, 06-12-2012

Hai a penas dúas semanas, SGHN congratulábase de que por fin a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comezase a falar alto e claro sobre a pésima situación das augas do río Limia e as causas da eutrofización galopante do encoro de As Conchas (máis).

Pero pouco despois, fronte a escandalosa situación de seca total do río Limia ao seu paso por Xinzo de Limia ¡¡¡a finais de novembro!!!, algúns pretenderon relacionar directamente dita situación co problema do cambio climático global (PDF).

Sen dúbida, o cambio climático ten e terá clara incidencia sobre os recursos hídricos, pero o principal factor a considerar na situación do río Limia é a “xestión” da auga na comarca. Dende 1998, as instalacións de regadío legais, xunto cos centos de motores ilegais que "ninguén ve" a plena luz do día, secan durante os veráns varios quilómetros dos principales ríos da chaira de A Limia: emisario da lagoa de Antela, ríos Nocelo, Faramontaos, Fírveda, Vidueiro e Limia.

Xa en 2002, nas alegacións ao estudio de impacto ambiental (EIA) de transformación en regadío da comarca de A Limia SGHN salientaba que cos datos dispoñibles “... as repercusións do plan de regadíos sobre os cursos de auga superficiais e sobre o ecosistema da IBA (Area Importante para as Aves) de A Limia serían dramáticos en máis da metade dos anos, e iso sen ter en conta posibles descensos nas aportacións hídricas a causa do cambio climático nin o consumo do resto das actuais captacións de auga na bacía de Antela, tanto as autorizadas como “a maioría sen legalizar” que indica o propio EIA....” Xa que logo, a situación é mala e notoria dende hai anos, como amosan os reiterados escritos de denuncia de SGHN baseados nos datos oficiais da estación de aforo de Ponte Liñares (máis).

Lonxe de comezar a imprescindible restauración da dinámica hidrolóxica natural compatibilizando a explotación agrogandeira sustentable coa restauración dos ríos, ribeiras e humedais da chaira de asolagamento na Limia, como se fai dende hai decenios noutros países avanzados da UE, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil semella ancorada en mentalidades do século XIX. Agora está a desbrozar, prácticamente a matarrasa, a vexetación acuática e ribeirega (Alnus, Salix, Typa, Scirpus, Sparganium) das marxes do río Limia augas abaixo de Xinzo, unha actuación moi lesiva para ecosistema fluvial e tamén para a ZEPA de A Limia.

Fotografía: Imaxes da afección ao arborado ribeirego e a vexetación acuática.

A vexetación acuática e de ribeira ten unha importancia ambiental extraordinaria (Paspallás nº 26 sobre Ríos, ribeiras fluviais e chairas de asolagamento) pois, malia ocupar unha franxa de moi pouco largura:

  • Xoga un papel fundamental na depuración da contaminación agrícola difusa (gravísima en A Limia) e na retención de sedimentos.
  • Proporciona hábitat para a fauna e a flora, actuando como líñas de conexión.
  • Regula a dinámica do ecosistema.
  • Aumenta a diversidade e beleza dos cursos de auga na paisaxe.

Para manter todas estas funcións do ecotono fluvial é necesario conservar, ou no seu caso restaurar, unha banda contínua de vexetación riparia natural que protexa á canle das actividades que se levan a cabo nas ladeiras máis próximas ou na propia chaira de asolagamento. Xusto o contrario do que quere facer a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, un proxecto que SGHN solicitou á Confederación (PDF) e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que se desbote e se sustitúa por actuacións beneficiosas para o río Limia, seguindo as liñas sobre restauracións fluviais propias do século XXI; véxase por exemplo:

 

Serían unha desfeita ecolóxica e hidrolóxica e un desfilfarro de cartos públicos
PROXECTOS DE "LIMPEZA", DRAGADO E PARQUE NÁUTICO NO RÍO LIMIA

Ourense e Xinzo de Limia, 11-03-2011

Hai uns días coincidiron no tempo tres novas de prensa relacionadas con outros tantos proxectos a desenvolver nun mesmo treito do Río Limia ó seu paso por Xinzo de Limia: dous comunicados da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil anunciando a "eliminación de especies invasoras e da maleza" (custe 26.792,14 euros) e o "dragado do río para evitar que a canle poida desaparecer" (sic) (custe 500.000 euros) e o terceiro de Portos de Galicia, ó que xa non lle chega a beiramar galega para enchela de portos deportivos e agora seica tamén os quere facer nos ríos, comezando polo Limia (custe entre 150.000 e 200.000 euros nunha primeira fase).

Mentres tanto, os datos oficiais da “Proposta de proxecto de plan hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño - Sil” indican que das 8 masas de auga existentes na chaira limiá: 2 atópanse nun estado ecolóxico "moderado", 4 nun estado "deficiente" e 1 nun estado "malo". Entre as identificadas como en estado deficiente inclúese a denominada "ES510MAR002362 Río Limia en zona de Riego de Lamas Grande e Filgueira" que abrangue o treito do Río Limia ó seu paso por Xinzo de Limia.

O estado ecolóxico deficiente ou malo do Río Limia non se debe a que supostamente se acumule area no seu leito senón á excesiva extracción (legal e ilegal) de auga para regadío e á fortísima contaminación por verquidos urbanos e agro-gandeiros. Pero, no canto de abordar a raíz do problema, a Confederación pensa en despilfarrar o seu orzamento en proxectos ecolóxica e hidrolóxicamente moi perxudiciais:

  • A vexetación acuática natural que coloniza a canle do río Limia xoga un papel hidrolóxico e ecolóxico fundamental:
    • Serve de filtro verde e sistema de autodepuración das augas contaminadas por un forte exceso de nutrientes.
    • É empregada como refuxio, área de cría e área de alimentación por numerosas especies, entre ela a folosa acuática (Acrocephalus paludicola) especie presente na zona durante o paso migratorio postnupcial e catalogada como Vulnerable no Libro Vermello das Aves de España.
  • O dragado do río, ademais de impactar sobre as poboacións de invertebrados e vertebrados acuáticos, suporía reincidir nos erros do pasado (canalización e dragados recurrentes que desencadean un proceso xeneralizado de incisión de canles e forte deterioro do sistema fluvial no seu conxunto).

Neste mesmo senso, o CIREF (Centro Ibérico de Restauración Fluvial, Universidade de Zaragoza) ven de calificar o proxecto de dragado do río Limia como "barbaridade xeomorfolóxica" baseada en argumentos "insostibles" (ver PDF).

Xa que non semella razoable despilfarrar os fondos de que dispón a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en obras hidrolóxica e ecolóxicamente contraproducentes, aparentemente co único fin absurdo de facilitar a construcción dun parque náutico nun treito de río no que as condicións cuantitativas e cualitativas das augas o farían inviable, a SGHN ven de solicitar á Ministra de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (ver PDF) que inste ó Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a que:

  • O "acondicionamento das marxes do río Limia no térmo municipal de Xinzo, entre a desembocadura do río Nocelo e a estación depuradora de augas residuales” se limite á retirada de lixo e entullos e á eliminación exclusivamente de “especies exóticas invasoras, tanto de flora como de fauna”.
  • Desbote total e definitivamente o dragado do río Limia.
No mesmo senso, a SGHN ven de solicitar ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Presidente de Portos de Galicia (ver PDF) que desbote totalmente o proxecto de construir un parque náutico no río Limia. Neste caso as verbas sobran pois a seguinte fotografía fala por si mesma.

Treito do río Limia, completamente seco no verán, onde Portos de Galicia quere construir un parque náutico. A imaxen é de agosto de 2010, pero esta situación repítese anualmente dende 2000.