Por cortesía do fotógrafo José Cabalar, que grabou o video e amablemente autorizou á SGHN a incorporalo nesta páxina web, podemos hoxe divulgar de xeito moi ilustrativo a situación inaceptable en que se atopa o río Eume nun treito de 3,1 km entre o muro de presa do encoro da Capela (ENDESA) e a central hidroeléctrica de A Ventureira. As imaxes captadas por José Cabalar valen moito máis que 1000 palabras. |
Pero o pior do caso é que non é en absoluto excepcional, pois exactamente nas mesmas circunstancias se atopan todos os ríos galegos con encoros nos que a central hidroeléctrica non se atopa a pé de presa senón varios kilómetros augas abaixo, ata onde a auga chega xeralmente por canles de derivación abertas (que son trampas mortais de acción permanente 24 h/día e 365 días/ano para a fauna que cae neles) para aproveitar ó máximo o desnivel existente e xerar máis electricidade.
Sen ánimo de ser exhaustivos, o mesmo problema pódese observar no río Xallas, augas abaixo dos encoros de Ferroatlántica, nos ríos Navea (encoros de Chandrexa e Guístolas; Iberdrola), Bibei (encoros das Portas e do Bao, Iberdrola), Xares (encoro de Prada, Iberdrola), Couselo (encoro do Cenza, Iberdrola), Mao (encoros de Edrada e Leboreiro, Unión-Fenosa), Limia (encoro de As Conchas, Unión-Fenosa), Salas (encoro do Salas, Unión-Fenosa) e Avia (encoro de Albarellos, Unión-Fenosa).
OS RÍOS GALEGOS LEVAN XA DEMASIADO TEMPO SUFRINDO ESTA INTOLERABLE SITUACIÓN: XA É HORA DE QUE REMATE E OS NOSOS RÍOS RECUPEREN A VIDA. |