logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Nin UE nin Directiva Auga, as hidroeléctricas queren
que as súas prebendas preconstitucionais nos ríos galegos sexan eternas

Ourense-Santiago, 03-09-2015

Verde”, “renovable”, “limpa”, “non contribúe ao cambio climático”. Con estas palabras as empresas enerxéticas queren vendernos unha imaxe fermosa da enerxía hidroeléctrica que producen nos ríos, moitos deles galegos.

Lonxe, moi lonxe de esa imaxe idílica, na xuntanza do Consello da Auga da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil celebrada onte os representantes do lobby das empresas hidroeléctricas, co indisimulado apoio da representante do Ministerio de Industria (será polas famosas "portas xiratorias administración-eléctricas"?), quixeron novamente converter en papel mollado a Directiva Auga.

Esta afirmación podería parecer esaxerada tendo en conta que tan só pretendían engadir unha palabra (“orientativos”) ao texto. Pero, claro, facendoos “orientativos” os réximes de caudais ecolóxicos deixarían de ser de obrigado cumprimento e quedarían á libre interpretación das hidroeléctricas. E os 66 anos de experiencia de Galicia cos grandes encoros, dende que Franco inaugurou o das Conchas outorgándolles un aproveitamento abusivo, amosan o que queren as hidroeléctricas: deixar secos os ríos cando o consumo de electricidade (e o prezo) baixa e incrementar o máis rápido posible os caudais turbinados cando o consumo (e o prezo) aumenta. Antes xa gañaban moito pero agora, coa nova tarifa con discriminación horaria, aínda queren gañar máis. Negocio redondo para as hidroeléctricas, morte ecolóxica para os ríos galegos.

Presa de As Conchas (o primeiro gran encoro galego) cheo a rebosar e río Limia totalmente seco augas abaixo ata a central hidroeléctrica en O Valoiro.
Exemplo de EXPLOTACIÓN ABUSIVA por Gas Natural-FENOSA.

Video gravado polo fotógrafo José Cabalar, e reproducido coa súa autorización, que ilustra magníficamente a situación inaceptable en que se atopa o río Eume nun treito de 3,1 km entre o muro de presa do encoro da Capela e a central hidroeléctrica de A Ventureira.
Exemplo de EXPLOTACIÓN ABUSIVA por ENDESA.

A inaudita pretensión do lobby hidroeléctrico amosa a súa codicia sen límites pois, de feito, os réximes de caudais ecolóxicos contemplados no Plan Hidrolóxico vixente e no vindeiro son xa extraordinariamente favorables para os seus intereses. Tanto, que os caudais mínimos establecidos son incluso inferiores aos legalmente esixibles, como salientou SGHN nas súas alegacións ao novo Plan Hidrolóxico (PDF):

De entre todas as estimacións de caudais ecolóxicos aceptables segundo a Instrución de Planificación Hidrolóxica, no PH-DHMS escolleuse a máis baixa (percentil do 5%) pero, ademais, incumprindo os criterios estatísticos máis elementais, o intervalo temporal empregado para o cálculo do percentil (mes) é moi diferente do intervalo temporal ao que se pretende extrapolar (trimestre), polo que, de feito, o caudal presentado como "ecolóxico" non é o do percentil 5 (o máis baixo) senón o do percentil 1,67. En consecuencia, os caudais mínimos ou ecolóxicos deberan ser recalculados para todas as masas de auga da DHMS. No caso de optar por recalculalos polo método hidrolóxico dos percentiles, SGHN:

  • Solicita que se empregue o percentil do 10%, como valor intermedio entre os admitidos pola IPH (5-15%) e como "valor salomónico de consenso" entre as demandas consuntivas e as demandas ambientais.
  • Esixe que, calquera que sexa o percentil escollido, o intervalo temporal de cálculo do percentil sexa o mesmo que o intervalo temporal de aplicación do caudal ecolóxico.

Sen ánimo de ser exhaustivos, o mesmo problema de EXPLOTACIÓN ABUSIVA que ilustran a foto e o video que acompañan esta nova pódese observar no río Xallas, augas abaixo dos encoros de FERROATLÁNTICA, nos ríos Navea (encoros de Chandrexa e Guístolas; IBERDROLA), Bibei (encoros das Portas e do Bao, IBERDROLA), Xares (encoro de Prada, IBERDROLA), Couselo (encoro do Cenza, IBERDROLA), Mao (encoros de Edrada e Leboreiro, GAS NATURAL-FENOSA), Salas (encoro do Salas, GAS NATURAL-FENOSA) e Avia (encoro de Albarellos, GAS NATURAL-FENOSA).

Cando asumirán as hidroeléctricas que estamos no século XXI e na Unión Europea?