logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

 

Os canarios alertaban do risco de grisú nas minas,
a píllara das dunas alértanos do risco dos HAPs nas praias

Santiago de Compostela, 04-12-2014

Preocupada polas grandes concentracións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) orixinados polos incendios forestais e os elevados niveis detectados no encoro das Conchas, hai catro meses SGHN solicitou a Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que na próxima revisión dos Plans Hidrolóxicos dos ríos galegos, que deben realizar en aplicación da Directiva 2000/60/CE, se inclúa expresamente a análise sistemática das concentracións de HAPs nos sedimentos de todas as masas de auga para avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana.

Pero a preocupación de SGHN ven de incrementarse aínda máis ao ter coñecemento dunha recente publicación científica de investigadores das Universidades de Santiago e de Aveiro sobre os niveis de HAPs nos ovos da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) no litoral do noroeste da Península Ibérica despois da marea negra do Prestige (Vidal et al., 2011). Os investigadores atoparon un descenso paulatino dos HAPs derivados do fuel do Prestige entre 2004 e 2006 pero, sorpresivamente, detectaron uns niveis cinco veces maiores en 2007. Ademais, en 2007 os HAPs atopados nos ovos non tiñan a mesma proporción de compostos de baixo e alto peso molecular que os derivados do Prestige, senón a característica dos HAPs orixinados polos incendios, xusto ao ano seguinte da grande vaga de lumes que asolou a franxa atlántica de Galicia en 2006 e das riadas dese outono que cubriron de cinzas as praias.

Como os canarios son moito más sensibles que o home ao gas grisú, durante moitos anos empregáronse canarios engaiolados nas minas de carbón para detectar a presencia dese gas inflamable e explosivo que ocasionaba moitos accidentes mortais: se o canario morría, os mineiros decatábanse do risco e actuaban en consecuencia. Hoxe diríamos que os mineiros empregaban o canario como un bioindicador.

Como un valioso bioindicador, a píllara das dunas alértanos agora de que despois dunha vaga de lumes no litoral galego acádanse uns niveis moi elevados de HAPs, unhas sustancias bioacumulables, tóxicas, canceríxenas e mutaxénicas para moitos organismos vivos, incluidos a píllara das dunas e o home. SGHN considera que se debe actuar en consecuencia, comezando por coñecer os niveis de HAPs nos sedimentos de todas as masas de auga naturais e artificiais de Galicia, na beiramar e no interior, por iso ven de insistir a Augas de Galicia (PDF) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF) para que se inclúa a obligatoriedade de ditas análises na próxima revisión dos plans hidrolóxicos das respectivas bacías.

 

Detectados en elevadas concentracións no encoro das Conchas

SGHN pide a análise de HAPs nos sedimentos de todos os encoros galegos

Santiago de Compostela, 05-08-2014

No Estudo de Impacto Ambiental da “Central reversible Salas-Conchas” detectáronse niveis moi elevados de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) nos sedimentos recollidos preto do muro de presa do encoro das Conchas:

  • Fluoranteno (sustancia bioacumulable e probablemente carcinoxénica), con 0,88 mg/kg excede 29 veces o límite legal de 0,03 mg/kg para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Pireno (sustancia bioacumulable), con 0,63 mg/kg excede 63 veces o límite legal de 0,01 mg/kg para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Benzo(a)antraceno (sustancia probablemente carcinoxénica), con 0,44 mg/kg excede 44 veces o límite legal de 0,01 mg/kg para a protección dos organismos acuáticos e duplica o nivel de 0,2 mg/kg establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).
  • Benzo(a)pireno (sustancia carcinoxénica, mutaxénica e tóxica para a reprodución humana; moi tóxica para organismos acuáticos, que poden bioacumularla), con 0,24 mg/kg excede 24 veces o límite legal de 0,01 mg/kg para a protección dos organismos acuáticos e 12 veces o nivel de 0,2 mg/kg establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).

Nas súas alegaciones ao proxecto de “Central reversible Salas-Conchas” (PDF), SGHN xa solicitou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) abrise inmediatamente de oficio unha exhaustiva investigación para determinar:

  • A extensión de sedimentos contaminados no leito do embalse.
  • A orixe de ditos contaminantes.
  • As medidas a adoptar cos sedimentos contaminados para garantir a protección do ecosistema acuático do río Limia e a saúde humana.

No caso das Conchas semella improbable que ditos contaminantes sexan de orixe industrial pois o encoro sitúase próximo á cabeceira do río Limia e augas arriba do mesmo a actividade industrial é moi reducida.

Pero os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) orixínanse en grandes cantidades durante os incendios forestales e logo son arrastrados polas choivas cara aos cursos e masas de auga, ata o punto de que unha recente publicación científica empregou as súas concentracións en sedimentos dun lago para elaborar un rexistro histórico de incendios na súa bacía [Denis, E.H., Toney, J.L., Tarozo, R., Anderson, R.S., Roach, L.D., Huang, E. (2012). Polycyclic aromatic hydrocarbons (PAHs) in lake sediments record historic fire events: Validation using HPLC-fluorescence detection. Organic Geochemistry 45, 7-17].

Tendo en conta a frecuencia e extensión dos incendios forestais na bacía do río Limia augas arriba do encoro das Conchas, unha explicación verosímil da orixe da contaminación por PAHs nos sedimentos do encoro das Conchas sería o arrastre de cinzas e produtos de combustión incompleta procedentes das áreas queimadas. Esta hipótese podería confirmarse ou refutarse, pois, de acordo coa publicación de Denis e colaboradores (2012) antes citada, os PAHs orixinados nos incendios forestais son analíticamente identificables.

Moi lamentablemente, en Galicia a elevada frecuencia e gran extensión dos incendios forestais non é un feito exclusivo da bacía do Limia, polo que de ser esta a orixe das moi elevadas concentracións de PAHs no encoro das Conchas sería probable que este feito se repetise noutras masas de auga naturais ou artificiais galegas.

Á vista do exposto, hai 15 días SGHN solicitou a Augas de Galicia (PDF) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF) que na próxima revisión dos Plans Hidrolóxicos dos ríos galegos, que deben realizar en aplicación da Directiva 2000/60/CE, se inclúa expresamente a análise sistemática das concentracións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) nos sedimentos de todas as masas de auga naturais ou artificiais para avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana.

Resposta da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil 11-08-2014. Resposta da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil 22-07-2015