logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Para que non sexan 9.000 páxinas de papel mollado!!

Alegacións de SGHN ao Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil 2015-21

Ourense-Santiago, 09-07-2015

SGHN ven de presentar, dentro do periodo de información pública, ás súas alegacións ao Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil 2015-21 (en adiante PH-DHMS; PDF). O novo PH-DHMS non resposta ás expectativas que SGHN tiña depositadas, e non semella que poida supor un avance real, eficaz e suficiente na protección das augas. O documento precisa unha concienzuda revisión para corrixir erratas, duplicidades, contradicións e problemas formais, así como para incluir unha cartografía máis detallada.

A clasificación das masas de auga na DHMS é moi deficiente no relativo aos medios de augas estancadas de carácter natural-seminatural (lagos, lagoas, charcas), así como ós humidais higrófilos e turfófilos, para os que se empregan criterios incorrectos, polo que ignora moitos dos existentes na Bacía Alta do Miño, nas cabeceiras da Bacía do Sil Inferior e na bacía do Limia que si están incluidos no Inventario dos Humidais de Galicia. Este feito é da maior relevancia, pois o territorio da DHMS posúe precisamente unha notable singularidade ecolóxica en relación coa presencia destes medios que acubillan un importante grupo de hábitats, así como especies de flora e fauna protexida pola normativa europea, estatal e autonómica.

Lagoa de Ocelo, nas abas de Pena Trevinca (Ourense)

O tratamento dos compoñentes da biodiversidade cun estatus xurídico específico (especies protexidas, hábitats de interese comunitario), que deberan terse en conta para establecer as áreas de protección, os caudais ecolóxicos e as medidas de xestión, amosa eivas moi graves alomenos no referente a once especies de flora e fauna gravemente ameazada a nivel galego, europeo ou mundial. En consecuencia a determinación dos caudais ecolóxicos non as tivo en conta, incumprindo así as obrigas indicadas na Instrución de Planificación Hidrolóxica. Ademais, o listado de especies invasoras é incompleto e moi desactualizado, ignorando información dispoñible mesmo no propio Ministerio ao que pertence a CHMS.

Estación da Rede SAIH en Ponteliñares (Ourense).

En relación aos caudais ecolóxicos establecidos polo vixente Plan Hidrolóxico, nas case 9000 páxinas do PH-DHMS 2015-21 sometido a información pública SGHN foi incapaz de atopar ningunha referencia á avaliación do seu cumprimento. SGHN considera imprescincible que se inclúa información estatística sobre os incumprimentos dos caudais en cada estación da rede SAIH, a intensidade e duración dos mesmos e as medidas adoptadas ao respecto pola CHMS.

Máis aló de limitarse a inventariar exemplos de presións sobre augas superficiais tan rechamantes como que ningunha das 75 presas na DHMS conte con escala par peixes ou que existan 25 afeccións de explotacións mineiras directamente ao cauce dunha masa de auga, compriría que, en aplicación do espírito e a letra da Directiva Marco da Auga, o PH-DHMS presentase alomenos unha estratexia para avanzar na solución desas presións.

 

 

Na imaxe da dereita pódense ver sobre a fotografía do SIGPAC (MAGRAMA) os ríos desaparecidos polas louseiras en Casaio (Ourense)

Por outra banda, de entre todas as estimacións de caudais ecolóxicos aceptables segundo a Instrución de Planificación Hidrolóxica, no PH-DHMS escolleuse a máis baixa (percentil do 5%) pero, ademais, incumprindo os criterios estatísticos máis elementais, o intervalo temporal empregado para o cálculo do percentil (mes) é moi diferente do intervalo temporal ao que se pretende extrapolar (trimestre), polo que, de feito, o caudal presentado como “ecolóxico” non é o do percentil 5 (o máis baixo) senón o do percentil 1,67. En consecuencia, os caudais mínimos ou ecolóxicos deberan ser recalculados para todas as masas de auga da DHMS. No caso de optar por recalculalos polo método hidrolóxico dos percentiles, SGHN:

  • Solicita que se empregue o percentil do 10%, como valor intermedio entre os admitidos pola IPH (5-15%) e como “valor salomónico de consenso” entre as demandas consuntivas e as demandas ambientais.
  • Esixe que, calquera que sexa o percentil escollido, o intervalo temporal de cálculo do percentil sexa o mesmo que o intervalo temporal de aplicación do caudal ecolóxico.

Incumprimento dos obxectivos para 2015 do vixente Plan Hidrolóxico

Segundo cálculos de SGHN a partires dos datos oficiais, os obxectivos de bo estado ecolóxico e químico en 2015 comprometidos no vixente Plan Hidrolóxico e esixibles en aplicación da Directiva Marco da Auga incumprense no 14% das masas de auga da Demarcación Hidrográfica, porcentaxe que é maior no Sistema de Explotación Miño Baixo (19,1%) e, moi especialmente, na bacía do Limia (53,3%). Estes datos revelan con claridade que, por ineficacia ou inaplicación, o vixente Plan Hidrolóxico non contribuiu a mellorar o estado das masas de auga nos sistemas de explotación “máis complicados”.

Aínda que o PH-DHMS 2015-21 non o fai, a situación na bacía da Limia é tan preocupante que fai urxente e imprescindible unha analise das posibles causas para alomenos tentar mellorar a situación no futuro:

  • O brutal desbaldimento de auga cunha moi ineficiente rega por aspersión, cun consume 2,5 veces máis elevado que nos restantes regadíos da DHMS, é a responsable de que os principais cursos de auga na Limia sequen todos os anos como reiteradamente ten informado SGHN á CHMS (máis...). Por iso é de todo punto inadmisible que o PH-DHMS 2015-21 terxiverse a realidade ó afirmar que secan en verán de maneira natural e que non contemple para a Limia mellorar a eficiencia do regadío nin instalar estacións de control dos caudais utilizados que xa existen no resto das principais zonas regables na DHMS.
  • Como non semella creible que o gando estabulado na Limia beba dúas ou tres veces menos auga que no resto da Demarcación, ou ben os datos do PH-DHMS están equivocados para o conxunto da Demarcación ou subestiman en 2,03-2,89 hm3/ano o consumo de auga pola gandería na Limia. Como referencia para eses enormes volumes “esquecidos” cabe sinalar que o encoro de Cachamuiña do que se abastece a cidade de Ourense ten unha capacidade de 2 hm3.
  • Como amosa a seguinte táboa, elaborada por SGHN cos datos oficiais, o “caudal ecolóxico” para o río Limia en Ponteliñares establecido no PH-DHMS só é coherente cos obtidos polos restantes métodos en inverno-primavera, mentres que en verán é un 33% máis baixo e e en outono é catro veces inferior. Aínda pior, a CHMS nin siquera esixiu o cumprimento dese misérrimo caudal ecolóxico, tolerando que circulen ata só 0,2 m3/s.

Á vista da dramática situación actual do Sistema de Explotación Limia, resulta rechamante que PH-DHMS non contemple para A Limia ningunha das 89 medidas para garantir que as condicións hidromorfolóxicas das masas de auga estean en consonancia co logro do estado ecolóxico necesario ou do bo potencial ecolóxico das masas de auga designadas como artificiais ou moi modificadas.

Sobre os orzamentos e o cumprimento dos obxectivos da Directiva Marco da Auga

Mentres en 2009-15 a CHMS deixou sen investir 374 millóns de euros (case 4 de cada 10 euros do orzamento) no seu ámbito territorial e o 14% das súas masas de auga non cumpren os obxectivos comprometidos para 2015, investiu 36 millóns fora do seu ámbito competencial acometendo boa parte do saneamento de Santiago de Compostela (máis...).

Para o segundo ciclo de planificación hidrolóxica (2015-2021), malia ter aínda sen facer boa parte dos “deberes hidrolóxicos” do primeiro ciclo, o orzamento comprometido é de apenas 387 millóns euros: un 60% menos do orzamento e un 37% menos do executado no primeiro ciclo 2009-15. A vista destes datos, SGHN ten serias dúbidas da vontade e as posibilidades reais de cumprimento dos obxectivos co horizonte 2021.

Resposta da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ás alegacións de SGHN.