logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

OS HUMIDAIS GALEGOS: PRESENTE E FUTURO

Comunicado de SGO e SGHN

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural consideran que a protección dos humidais galegos, en liñas xerais, é suficiente sobre o papel pero amosa eivas moi importantes no campo da súa aplicación real:

  • Carencia (case) absoluta de plans de uso e xestión, mesmo para os humidais Ramsar de importancia internacional e a súa contorna (Ribadeo, Ortigueira, Valdoviño, Corrubedo e Umia-Grove-Carreirón).
  • Urbanismo e acuicultura mal planificados, ou mesmo fóra de control, na beiramar.
  • Contaminación agro-gandeira difusa, roturación de terras marxinais asolagables para “cazar primas” da UE e extracción excesiva de augas para regadío (A Limia, Terra Chá).
  • Efectos directos e indirectos dos lumes sobre os humidais de montaña.

A nivel lexislativo é moi lamentable que a nova Lei de Augas de Galicia ignore as zonas húmidas e non adique nen un só artigo á restauración dos sistemas hidrolóxicos degradados na actualidade, nin siquera nas zonas de especial protección das rías (que acubillan os 5 humidais Ramsar galegos) onde, sexa boa ou mala a calidade das súas augas, confórmase con que non empeore.

A nivel executivo é igualmente lamentable que en Galicia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero (bacía do río Támega) non estean a exercer as súas competencias para garantir “a conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos”, como establece a Convención de Ramsar, da que España forma parte.

Por outra banda, bótase en falla a necesaria colaboración entre administracións, universidades e entidades conservacionistas para avanzar na procura dos obxectivos da Convención de Ramsar en Galicia.

Malia esta problemática, os humidais galegos non son só fonte de auga e vida senón tamén de esperanza. Basta darlles unha oportunidade e devolven con creces o esforzo investido.

Hai 13 anos a biodiversidade da lagoa de Cospeito sobrevivía entre augas máis propias dunha alcantarilla. Despois dunha recuperación parcial hoxe é un humedal moi valioso dende o punto de vista botánico e de hábitats. ¿A qué agardamos para unha recuperación máis ampla, que devolva o funcionamento natural a súa contorna inmediata asolagable temporalmente? Unha intervención ben planificada e executada permitiríalle a Cospeito amosar todo o seu potencial faunístico, especialmente ornitolóxico, no caso de dúas aves coas poboacións reprodutoras ameazadas de extinción en Galicia: a avefría e o mazarico.

O éxito sería rotundo se se abordase tamén a recuperación do resto do mosaico de humedais da Terra Chá ... e, sen dúbida, de repercusións internacionais se se recuperase parcialmente Antela e o complexo húmido de A Limia.

Daquela os galegos poderíamonos gabar de que, dende un punto de vista ambiental, por fin Galicia entrou no século XXI.

Na Casa das Ínsuas de Rábade a 4 de febreiro de 2012

 

Día Mundial dos Humidais 2012

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humedais, que conmemora a data en que se asinou a Convención sobre os Humidais de importancia internacional especialmente como Hábitats de Aves Acuáticas (Convenio de Ramsar), o 2 de febreiro de 1971.

SGHN ten manifestado ao longo dos anos a súa preocupación pola conservación e protección destes hábitats que acubillan unha elevada biodiversidade e, en concordancia coa filosofía da Convención de Ramsar, leva a cabo dende 1973 o seguemento exhaustivo das poboacións de aves acuáticas por medio dos censos invernais identificando os humidais de maior interese da nosa xeografía.

Ademais, o 2 de febreiro, SGHN tamén está de celebración, cúmplese 1 ano da creación da Sección Antela constituida coincidindo co 40 aniversario da Convención de Ramsar para traballar a prol da conservación e uso racional dos humidais de A Limia.

Analizando a situación actual coa perspectiva que dan os anos e considerando os últimos acontecementos póñense en evidencia as carencias actuais que, dende o punto de vista de SGHN, se centran na falta de xestión dos nosos humidais. E velaquí un par de exemplos de plena actualidade hoxe, un da beiramar o outro do interior, que encaixan cos comentarios das protagonistas de “Un conto de verdade: a historia de Antela contada por unha cegoña”.

Situación da lagoa litoral da Frouxeira

Os problemas da elevación excesiva do nivel da lámina de auga veñen do cambio de usos tradicionais e de diversas actuacións que alteraron a dinámica da lagoa e o seu funcionamento natural. A SGHN advertiu xa en 2010 de potenciais riscos para este ecosistema e solicitou un estudo multidisciplinar sobre as medidas a tomar con relación a mellora da capacidade da lagoa e a recuperación da súa productividade natural. Este estudio nunca se realizou e todos coñecemos a situación vivida nestes meses, incluíndo o intento de apertura artificial mediante a utilización de maquinaria pesada con grande incidencia incluso sobre o leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia. Precísase acadar o antes posible unha solución definitiva que asegure a autorregulación do sistema lagunar e a conservación de este espazo catalogado, entre outras figuras, Humedal de Importancia internacional e incluido na lista de humedais españois de Ramsar.

SGHN: Se unha cousa está fora de toda dúbida é que a canle natural da Frouxeira nunca foi por debaixo do leito rochoso.

Cegoñino: "Pero, é que están tolos os humanos ou que?"

Situación da ZEPA da Limia

Case un mes despois de rematar o prazo de dous anos establecido legalmente para a publicación e posta en marcha do plan de xestión da ZEPA da Limia, aínda non se publicou o seu plan de Xestión. A SGHN tamén ven de solicitar a Administración unha copia do “Plan de desenvolvemento sustentable orientado ao fortalecemento da actividade económica, social e cultural ... que establecerá medidas de apoio e orientación tendentes ao desenvolvemento da actividade agraria en réxime sustentable, de cara a harmonizar a obtención de bens e servizos co mantemento dun estado de conservación favorable das especies e dos hábitats que as sustentan.”

 

 

Cegoñino: “Entón, se a xente que entende di que esta chaira é tan importante para a ‘biodiversidade esa’, a que esperan os humanos para facer algo e protexela?”

Os nosos gobernantes retrasan decisións, non saben ou non queren protexer axeitadamente os humidais e non se están a decatar do incumprimento continuado da nosa normativa ambiental.

Semella que a única resposta posible é que os cidadáns pasemos á acción.

 

 

Cegoña nai: "Con sorte, meus pequenos, e coa colaboración dos humanos sabios e bondadosos, poderedes voltar a ver e disfrutar unha parte de Antela e a Limia, como a viron os vosos avós."

Breve pero estupendo vídeo sobre os humidais producido e distribuido gratuitamente pola oficina da Convención de Ramsar sobre os Humidais www.ramsar.org