É habitual que os preámbulos inclúan unha excelente xustificación da necesidade das respectivas leis e unhas magníficas declaracións de intencións acerca do ámbito sobre o que a continuación se lexisla, aínda que non é infrecuente que logo o articulado defraude as expectativas creadas. Non poderemos decir isto da Lei de Augas de Galicia, pero iso será tan só porque defrauda xa dende o propio preámbulo:
- Non se poderá “contribuir a acadar o bo estado ecolóxico das augas e dos seus ecosistemas asociados” esquecendo completamente que tamén é necesario que as captacións para abastecemento humano e regadío respecten os caudais ecolóxicos e os niveis de acuíferos.
- Mal, moi mal comeza unha Lei que, ¡en 2010!, ignora que a política hidráulica no século XXI non pode basarse só en “obras de interese” (algúns subconscientes siguen cheos de cemento e ladrillos) senón en “actuacións de interese”, e que corre un velo de clamoroso silencio sobre o que debera ser inaplazable Plan Xeral Galego de recuperación de cauces fluviais ou humedais emblemáticos que se atopan degradados na actualidade.
- É un mal sinal que o Preámbulo da Lei non contemple satisfactoriamente os obxectivos e fins establecidos en disposicións de maior rango, como a Lei de Augas estatal (Art. 92.a), a Constitución Española e a Directiva 2000/60/CE (Directiva Marco sobre Políticas de Aguas).
|

Fotografía: Fervenza coa que río Xallas desemboca no mar, patrimonio natural de todolos europeos (é un exemplo único no noso continente) que, por un abusivo e inaceptable aproveitamento hidroeléctrico agora só se pode ver en periodos de moi fortes choivas ou, cun caudal moi inferior ó da imaxe, como "espectáculo" para turistas os domingos durante 2 horas. |
O coñecido dito “o que mal comeza mal remata” ten un magnífico exemplo neste proxecto de Lei. De manterse a redacción actual, o Anexo II sería un recoñecemento expreso de espírito derrotista e claudicante da Lei e de que todo o rimbombante “Título sexto: Réxime especial de protección da calidade das augas das rías de Galicia” é papel mollado: se o seu estado actual é malo ou moi malo poderán continuar así indefinidamente porque non se contemplan plans ou actuacións para que se poidan reducir os niveis de mercurio, cianuros ou DDT, por mencionar só algúns dos tóxicos máis coñecidos.
Se non se remedia, a futura Lei de Augas de Galicia será calquera cousa menos nova ou avanzada e levaranos seguramente a unha sentencia condenatoria do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento da Directiva Auga. |