logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Alegacións de SGHN ao borrador do novo Plan Forestal de Galicia

Santiago, 29-09-2016

Ao abeiro do Trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria da “1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia” (en adiante PFG-2016) promovida pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, SGHN ven de presentar os seguintes comentarios, suxerencias e alegacións (PDF):

  • Ao longo de todo o texto repítese o erro de considerar “bosque” a toda superficie cuberta de árbores, sendo imprescindible distinguir entre “bosques” e “plantacións de árbores”, sobre todo de especies alóctonas.
  • A reiterada subdivisión dos bosques entre frondosas e coníferas carece de sentido na actual realidade forestal galega, sendo moi preferible unha división entre coníferas autóctonas, coníferas alóctonas, frondosas autóctonas e frondosas alóctonas.

A redacción triunfalista respecto ao avance do “bosque” en Galicia debera corrixirse tendo en conta que:

  • A metade das árbores de Galicia teñen menos de 10 cm de diámetro e tres de cada catro teñen menos de 15 cm.
  • Os eucaliptos (287.984 ha en masas monoespecíficas e máis de 500.000 ha en total), “xa son os principais protagonistas da paisaxe forestal galega” que cada vez se asemella máis a de un anaco de Australia.

No mesmo senso considerar que “a maior parte do territorio galego non presenta serios problemas erosivos pois pouco mais da quinta parte (21%) sofre problemas erosivos graves ou moi graves“ é unha afirmación moi irresponsable pois ises problemas de erosión implican que nunha quinta parte do territorio galego a vida útil do solo (recurso non renovable á escala temporal humana) é inferior a 25 anos. Afirmar que “En xeral ... o estado de saude das masas forestais de Galicia e satisfactorio”, que son leves as afeccións de Altica quercetorum sobre os bosques de carballos e pasar case por alto o gravísimo impacto actual de Phytophthora alni sobre os bosques riparios de Alnus glutinosa son asimesmo unha irresponsabilidade.

Ao longo do PFG-2016 repítese que “As perspectivas de futuro da superficie forestal galega deben garantir o mantemento da súa extensión e uso actual” pero “Podese incrementar a produción ampliando a superficie forestal arborada un 15% con especies forestais produtivas e frondosas autóctonas”. Dependendo do apartado, esas 250.000 ha adicionais para o crecemento do “bosque” asígnanse íntegramente a frondosas autóctonas ou a partes iguais con piñeiros. Posto que tamén se pretende “Poñer en valor a superficie non arborada incrementando a produción de pastos e forraxes en monte” en ata 225.000 ha, a posta en práctica do PFG-2016 suporía reducir de 600.000 a 125.000 ha o monte “non arborado e non adicado a pastos e forraxes”, sen que aparente haberse tido en conta:

  • Que a superficie de hábitats de dunas, queirogais, pseudoestepas, turbeiras, encostas rochosas e rochedos en Galicia considerados de interese ou de conservación prioritaria pola Unión Europea é de máis de 160.000 ha.
  • Que moitas matogueiras e outras zonas de monte non arborado son de importancia crítica para a conservación de moitas especies de flora e fauna gravemente ameazadas, incluida a águia real, da que o PFG-2016 só se lembrou para adornar cunha foto a súa portada. É absolutamente imprescindible que na revisión do PFG-2016 se teñan en conta todas as conclusións e recomendacións dos plans de conservación de especies ameazadas de Galicia xa aprobados e dos que están en realización.
  • As posibles limitacións topográficas (pendentes), edafolóxicas (profundidade e fertilidade do solo) e climatolóxicas.
  • Semella un despropósito que nas “Directrices para revisión do Plan Forestal de Galicia” se contemple “Fomentar a xestión activa dos bosques de ribeira... simplificando os trámites ligados á xestión e aproveitamento destas masas” que se atopan case na súa totalidade no dominio público hidráulico e en moitos casos están conformadas polo hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea 91E0* Bosques aluviais con Alnus glutinosa, especie que, ademais, está a sofrir unha preocupante regresión pola Phytophthora alni.
  • Considérase moi acertada a preocupación pola “presenza de especies foráneas ou exóticas invasoras nos bosques galegos, pois poden supor unha seria ameaza para a naturalidade e biodiversidade da flora nativa”, así como a directriz de realizar “Actuacións de control e estabilización de Acacia spp. nos distritos con maior presenza e erradicación nos de presenza reducida”, pero bótase en falla as mesmas actuacións para outras especies arbóreas moi invasivas como por exemplo Ailanthus altissima e Robinia pseudoacacia.
  • Considérase moi acertada a afirmación de que “Debe aumentarse a superficie arbórea ocupada por coníferas e bosques de frondosas autóctonas en detrimento dos eucaliptais” que xa sobrepasaron moi amplamente a superficie prevista no PFG-1992. A tal efecto urxe:
    • Deseñar e implementar un plan para a eliminación progresiva, pero rápida, de Eucalyptus spp. en todos os terreos de titularidade pública.
    • Promover a eliminación progresiva de Eucalyptus spp. en toda a rede de espazos naturais protexidos de Galicia, con incentivos económicamente atractivos aos propietarios para a súa substitución por frondosas autóctonas.
    • Esixir sen dilacións a eliminación de todas as plantacións de Eucalyptus que se teñan feito sen os preceptivos permisos, como por exemplo as realizadas sobre hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea (turbeiras, queirogais de Erica tetralix ou de Erica vagans, etc.).
    • Reducir a superficie ocupada por Eucalyptus spp. en Galicia: unhas especies das antípodas nunca deberan ter chegado a dominar a paisaxe forestal galega.
    • Tomar en consideración todas as recomendacións feitas en 2011 polo movemento ecoloxista ibérico no documento “Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto” para solucionar a conflitividade social e ambiental das plantacións de eucalipto.
  • Considéranse moi acertadas as directrices que propoñen:
    • O “aumento da superficie de monte público sobre todo en espazos naturais protexidos, montes protectores e parcelas colindantes.”
    • Aumentar decididamente a superficie de frondosas autóctonas e os bosques mixtos.
  • No Eixo II sobre os “Servizos ambientais e sociais dos montes galegos” contémplanse acertadamente “Medidas de fomento para a expansión, conservación e xestión activa de bosques de frondosas autóctonas” pero esquécense lamentablemente os hábitats non arborados de conservación prioritaria na Unión Europea e as súas especies de flora e fauna asociada, moitas delas incluidas nos catálogos galego e español de especies ameazadas.

Con respecto ao aproveitamente enerxético da biomasa, SGHN considera preciso reiterar o sinalado nas súas alegacións "Orde pola que se regulan os cultivos enerxéticos forestais na Comunidade Aautónoma de Galicia e se crea o rexistro de cultivos enerxéticos forestais":

  • A utilización de biomasa para usos térmicos industriais só despois dunha auditoria enerxética e de gases de efecto invernadeiro (GEIs) que certifique un balance favorable no consumo de combustibles fósiles e emisións de GEIs considerando globalmente a recollida, transporte, preparación e combustión da biomasa.
  • Calquera proxecto para o aproveitamento de fontes enerxéticas renovables, máxime se está financiada directa ou indirectamente con fondos públicos, debera demostrar obligatoriamente uns efectos neutros ou positivos sobre a biodiversidade, os espacios naturais, e os aspectos socioeconómicos.
  • Débense ter en conta as consideracións do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) feita pública o 15 de setembro de 2011 (http://www.eea.europa.eu/about-us/governance/ scientific-committee/sc-opinions opinions-on-scientific-issues/sc-opinion-on-greenhouse-gas).

Plantación de Pinus radiata.