logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

ALEGACIÓNS AO ANTEPROXECTO DE LEI DE MONTES

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), dentro do prazo establecido, presentou alegacións ao “Borrador do Anteproyecto da Lei de Montes de Galicia” promovido pola Consellería do Medio Rural (ver PDF).

Presentou SGHN comentarios en torno á exposición de motivos, tamén sobre 41 Artigos dos 146 do borrador, así como sobre unha Disposición derradeira; contabilizando en total 77 suxerencias ao anteproxecto a información pública.

Entende SGHN que este anteproyecto da Lei de Montes de Galicia avanza nalgún aspecto ambiental como na reducción das distancias para “limpezas do monte” que se consideran máis realistas e menos prexudiciais para o medio ambiente. Pero o anteproxecto adolece de indefinición respecto á biomasa forestal e o seu aproveitamento enerxético, a sostibilidade, as queimas controladas, etc. Asimesmo, sería desexable unha mellor regulación dos aproveitamentos tanto madeirables coma non madeirables e unha maior concreción en termos como o dos cultivos enerxéticos. Falta tamén na Lei, en moitos aspectos, informes preceptivos da autoridade competente en materia ambiental, así como unha máis clara protección dos espazos de interese natural e das especies en perigo e, en definitiva, acentuar o carácter de aseguramento da protección e restauración do monte compatibilizándoo co seu aproveitamento racional e sostible.

Por último, SGHN considera confusa e ineficaz a Disposición derradeira que adica 17 páxinas a modificar a Lei de Incendios: dos seus 59 Artigos, modifica 31, derroga total ou parcialmente 8 e engade 5 novos, mentres que das 3 Disposicións adicionais da Lei de Incendios modifica 2 e engade 1 nova. SGHN entende que sería moito máis lóxico, eficaz e claro para os cidadáns derrogar totalmente a Lei de Incendios e incorporala coa nova redacción como un título específico na nova Lei de Montes.