logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Eucaliptos e lume

Santiago, 07-05-2018

A raíz sobre todo do terrible incendio forestal de Pedrogao Grande en Portugal e da vaga de lumes do pasado mes de outubro en Galicia, o comportamento fronte ao lume das distintas especies forestais, nomeadamente de eucaliptos e piñeiros, saltou aos titulares dos medios de comunicación e entrou de cheo no debate da opinión pública.

Fronte aos que afirman case que os eucaliptos arden por combustión espontánea e os que defenden a posición diametralmente oposta, o máis sensato é unha análise seria e rigorosa da información dispoñible. Por iso, SGHN recurriu á "Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado" de Arellano et al. (2016) e para todos os casos que contempla de lumes en vexetación de piñeiros (19 de Pinus pinaster, 15 de P. radiata e 13 de P. sylvestris), de eucaliptos (17 de Eucalyptus globulus) e de carballos (16 entre Quercus robur e Q. pyrenaica) recompilou os datos de comportamento do lume nun escenario "intermedio": 20% de pendente e 30 km/h de vento (a publicación contempla pendentes de 0-40% e ventos de 0-60 km/h).

Media e desviación típica das velocidades de propagación dos lumes en masas forestais de piñeiros, eucaliptos e carballos.

Nesas condicións "intermedias", a menor velocidade de propagación do lume, con diferencia, atópase nas carballeiras (promedio de 6 m/min), mentres que nos eucaliptais a velocidade e 2 veces maior (12 m/min) e nos piñeirais entre 3 e 4 veces maior (18-23 m/min).

Pero, ademais, mentres que nas carballeiras nunca se detecta risco de que aparezan lumes secundarios, nun 35-40% dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas ou muxicas xeneren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 km en piñeirais e 1,9 km en eucaliptais.

Por último, pero igualmente moi importante, en ditas condicións nun 94% dos lumes en carballeiras é posible intentar a súa extinción directa (mesmo con medios manuais nun 30% dos casos), mentres que, pola súa maior dificultade e riscos, é necesario recurrir ao ataque indirecto con medios mecánicos (motobombas, bulldozers, avións ou helicópteros) na meirande parte dos lumes en piñeirais (46% en P. sylvestris, 63% en P. pinaster, 73% en P. radiata) e eucaliptais (67% en E. globulus).

Nos escasos exemplos que contempla a publicación para soutos de castiñeiros (Castanea sativa) e bidueirais (Betula alba) - dous para cada especie - os resultados son semellantes aos das carballeiras.

CONCLUSIÓN: nos bosques de caducifolias autóctonas os lumes propáganse máis despacio e son máis doados de apagar.

Os defensores do eucalipto argumentan que en caso de incendios forestais son máis perigosas as matogueiras, pois a velocidade de propagación do lume nelas é maior, e que a meirande parte da superficie anualmente queimada en Galicia está cuberta por mato. Aínda máis, poñen como exemplo de que os eucaliptos non supoñen un risco maior indicando que nos distritos forestais do norte da Coruña e Lugo, onde se concentra a metade dos eucaliptais de Galicia, a incidencia dos lumes forestais é mínima. Qué hai de verdade nisto?

  • Certamente os lumes propáganse máis rápido nas matogueiras. O estudo de Arellano et al. (2016) indica que nas mesmas condicións antes contempladas para as formacións forestais (pendente 20%; velocidade do vento 30 km/h) o lume avanza a 35-40 m/min en breixeiras (Erica spp.), carqueixais (Pterospartum tridentatum) e toxeiras (Ulex spp.), e a 56 m/min en xesteiras (Cytisus spp.). Iso sí, non indica que haxa risco de lumes secundarios nos incendios de matogueiras, vantaxe que non se debe esquecer.
  • Tamén é verdade que no norte da Coruña e Lugo hai poucos lumes, pero iso non é porque haxa moitas plantacións de eucaliptos moi rendibles e supostamente moi ben xestionadas, senón grazas ás condicións climáticas, baste recordar que o único treito de autovía ou autopista de toda Galicia (e de España) que ten que pecharse reiteradamente pola falta de visibilidade debido á néboa está precisamente no norte de Lugo.

 

Comunicado de SGHN sobre os eucaliptos

Santiago de Compostela, 18-04-2018

A Lei 42/2007 e o Real Decreto 630/2013 definen como “especie exótica invasora” a “especie exótica que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Así mesmo, o Regulamento UE nº 1143/2014 establece que “especie exótica invasora” é “unha especie exótica da cal a súa introdución ou propagación teña demostrado ser unha ameaza ou ter efectos adversos sobre a biodiversidade e os servizos asociados dos ecosistemas”.

Todas as especies de eucaliptos son orixinarias de Australia e illas próximas. A súa expansión no resto do mundo débese á intervención humana. Xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas.

Está ben estudiada e documentada para Galicia e Portugal a capacidade de Eucalyptus globulus para colonizar áreas fóra das plantacións e de auto-propagarse (naturalización) dentro das plantacións e nos seus bordos. Así, téñense detectado densidades moi elevadas de propágulos na contorna das plantacións (sobre todo nunha franxa de 15 m, pero con colonizacións ata 80 m de distancia), presenza de plántulas no 60% dos transectos ao longo de estradas, e que tanto a propagación como o establecemento vense moi favorecidas polos lumes. Polo tanto, tendo en conta a magnitude da superficie hoxe ocupada polos eucaliptos (425.000 ha en masas puras o mixtas), a súa ampla dispersión polas tres provincias costeiras, a elevadísima incidencia dos lumes forestais (a metade dos de toda España en menos do 6% da superficie), e a extensa rede de estradas (case 50.000 km), en Galicia danse as condicións perfectas para que os eucaliptos amosen toda a súa capacidade invasora.

Está así mesmo ben documentado que os eucaliptos son un axente de cambio e unha ameaza para a biodiversidade autóctona e os ecosistemas naturais. Xa que logo, todos os eucaliptos en Galicia son especies exóticas invasoras e SGHN considera que:

  • Se deben incluír no Catálogo español de especies exóticas invasoras.
  • As administracións deben iniciar as actuacións para o seu control e posterior erradicación.

Agora ben, cómpre tamén ter en conta a realidade galega e a situación socioeconómica en relación coas plantacións de eucalipto, polo que deberían adoptarse as disposicións precisas e os prazos suficientes para minimizar o efecto económico sobre os propietarios das explotacións e a industria.

            Por todo o anterior e  SGHN considera imprescindible que, dende xa, as administracións deben:

  • Prohibir novas plantacións de eucaliptos en toda Galicia.
  • Eliminar os eucaliptos en todos os terreos de propiedade pública.
  • Esixir a eliminación de todas as plantacións de eucaliptos que non se axusten á normativa legal vixente.
  • Incentivar a eliminación de todos os eucaliptos nos espazos naturais protexidos.
  • Permitir a explotación ata final de turno de corta no resto das plantacións actuais, exercendo un control exhaustivo para evitar a súa expansión ás áreas colindantes.
  • Planificar unha redución progresiva da superficie actualmente ocupada por plantacións de eucalipto para garantir a súa erradicación nun horizonte temporal realista.

 Para saber máis: