logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Avalancha de peticións para deforestar arborado autóctono

Santiago, 22-12-2015

Nos últimos tres meses SGHN recibiu en total 10 consultas relativas a avaliación de impacto ambiental simplificada de proxectos para cambio de uso forestal a agrícola, todos eles na provincia de Lugo. A superficie afectada (máis de 24 ha) está sempre cuberta por especies do Anexo I da Lei de Montes de Galicia, entre as que as frondosas autóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros) son as especies maioritarias ou exclusivas, agás un caso dunha plantación de piñeiro silvestre de 63 anos de idade. En todos os casos a petición de cambio é para ampliar a base territorial de explotacións gandeiras e suporían a deforestación da totalidade das parcelas nalgunhas parcelas ou da meirande parte delas nas restantes.

Se ben o mosaico agrosilvopastoral tradicional é unha paisaxe moi representativa de Galicia e un reservorio moi importante de biodiversidade, grazas en grande medida a explotación gandeira en extensivo (pasteiros de dente ou de sega), a implantación xeneralizada de gandería intensiva estabulada, que únicamente emprega extensos monocultivos de pasteiros como fosas sépticas ao aire libre para verter os zurros, supón un grave deterioro paisaxístico e de biodiversidade.

Por ises motivos, SGHN ven de solicitar (PDF) que, tanto nos proxectos xa sometidos a consultas como nos que puideran presentarse no futuro, a Consellería de Medio Ambiente únicamente autorice o cambio de uso forestal a agrogandeiro cando sexa para gandería extensiva ou, como moito, semi-intensiva e se conserve todo o arbolado maduro existente nas parcelas para acadar, ou manter, unha paisaxe adevesada ou en mosaico de pasteiros e sebes arboradas.