logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Nóbeles, transxénicos e "principios con maiúsculas"

Santiago de Compostela, 02-07-2016

Dende onte corre como un regueiro de pólvora polos medios de comunicación de todo o mundo a nova dun manifesto asinado por máis dun cento de premios Nóbel que acusan a Greenpeace nada menos que de "crime contra a humanidade" por opoñerse aos alimentos transxénicos e instan á dita ONG a “abandoar a súa campaña contra os organismos modificados xenéticamente en xeral e o arroz dourado en particular”.

Máis alá das polémicas na concesión dalgúns premios Nóbel (sobre todo da paz, pero tamén de literatura), semella fóra de toda dúbida que as persoas que reciben un Nóbel de física, química ou mediciña saben moito (moitísimo) do seu campo científico, pero convén recordar que iso non implica necesariamente que tamén saiban moito do que está fóra da súa especialidade.

Cómpre, asimesmo, lembrar que algunhas invencións consideradas moi seguras e beneficiosas, mesmo grandes logros da humanidade, posteriormente tiveron que ser totalmente prohibidas ao demostrarse que son extraordinariamente nocivas para o medio natural e a saúde das persoas:

  • Os policlorobifenilos (PCBs) e os clorofluorocarbonos (CFCs) consideráronse dous enormes avances da industria ata que se comprobou a elevadísima toxicidade e bioacumulación dos primeiros e os destrozos causados polos segundos na capa de ozono. Aínda sufrimos as consecuencias de ambos.
  • O suizo Paul Hermann Müller recibíu en 1948 o Premio Nobel de Fisioloxía ou Mediciña polo seu descubrimento de que o DDT (sintetizado polo tamén suizo Otto Zeidler en 1874), era un potente insecticida de contacto. Daquela, o DDT presentouse case como a panacea para o control da malaria, a febre amarela, e moitas outras infeccións causadas por insectos vectores.

É realmente o arroz dourado a panacea para rematar coa desnutrición nos países máis pobres,
ou descubriremos dentro duns anos que é un enorme erro como o do DDT?

Para acabar coa fame no mundo, apostamos polos "arroces dourados" ou polos "principios con maiúscula",
como os de PRECAUCIÓN nas relacións home-ambiente e os de XUSTIZA E SOLIDARIEDADE nas relacións entre humanos?

O debate está servido.