logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

42 meses e aínda sen resposta da Consellería de Medio Ambiente

En 2011 SGHN respostou a máis de 140 solicitudes de información sobre proxectos, plans e leis con incidencia ambiental que lle remitiu a Consellería de Medio Ambiente, dispoñendo tan só dun mes de prazo para respostar a cada unha delas. Fóra dese prazo determinado pola administración, as aportacións ou alegacións de SGHN non se teñen en conta.

Pero a Consellería de Medio Ambiente aplícase a ela mesma un raseiro ben diferente para respostar cando SGHN lle solicita información ou que actúe conforme as súas competencias e obrigas legais. Como mostra valga o seguinte exemplo: mediante escritos con datas 02-12-2008 e 14-12-2009, e con preguntas directas ao Conselleiro nas xuntanzas do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de datas 13-06-2011 (ver páxina 7 da acta) e 21-02-2012 (acta aínda non dispoñible), SGHN subliñou o crecemento vertixinoso das explotacións gandeiras estabuladas na chaira da Limia, o cal suxire que o conglomerado de empresas do grupo COREN ten un plan definido de intensificación gandeira na Limia que nunca se someteu a avaliación ambiental no seu conxunto, pòlo que SGHN solicitou o establecemento dunha moratoria no trámite de solicitudes de instalación ou ampliación de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá ata que se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos das xa existentes sobre os valores hidrolóxicos, botánicos e faunísticos da Limia.

Imaxe: Esterco de galiña amoreado ao carón dunha gabia na chaira de Antela

Imaxe: Esterco de galiña amoreado nunha zona asolagable na chaira de Antela.

Transcorridos amplamente 3, 11, 30 e 42 meses, respectivamente, dende que SGHN formulou e reiterou unha e outra vez a súa petición a Consellería de Medio Ambiente aínda non respostou á SGHN. Mentres tanto:

  • A calidade das augas do río Limia empeora a pasos axigantados (véxase a eutrofización galopante do encoro de As Conchas) con afeccións a un LIC (Veigas de Ponteliñares), unha ZEPA (A Limia) e dúas Reservas da Biosfera (Terras de Allariz e Gerês-Xurés).
  • Continúa o incesante goteo de tramitacións de novas granxas, ampliación de existentes e “legalizacións” dalgunhas que, á vista do cal, están a funcionar ilegalmente sen que as administracións con competencias no tema, entre elas a Consellería de Medio Ambiente, cumpran e fagan cumprir a lexislación vixente. O último destes casos e o sometido a información pública polo concello de Xinzo de Limia (BOP de Ourense nº 115, de 22-05-2012) a solicitude de "licenza municipal para a legalización dunha explotación avícola na paraxe O Foxo, en Parada de Ribeira”.

Por istes motivos SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

  • Que estableza con carácter inmediato unha moratoria no trámite de solicitudes de instalación, ampliación ou “legalización” de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá ata que:
    • Se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos das xa existentes sobre os valores hidrolóxicos, botánicos e faunísticos da bacía do río Limia, o LIC Veigas de Ponteliñares, a ZEPA de A Limia, a Reserva da Biosfera Terras de Allariz e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
    • A calidade das augas superficiais e soterráneas na bacía do río Limia cumpra as directrices de calidade e réxime de caudais marcadas na Directiva 2006/44/CE e no Plan Hidrolóxico da parte española da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil.
  • Escomence xa os trámites para ordenar dende un punto de vista ambiental as explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá.
  • Actúe conforme ás súas competencias e obrigas legais para paralizar os trámites de legalización de calquera instalación gandeira estabulada ilegal en A Limia.

En relación coa granxa para a cal se solicita a "legalización", SGHN dirixiuse tamén ao Concello de Xinzo de Limia (PDF) e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (PDF).

Imaxe: Estado das augas do encoro de As Conchas durante o gravísimo episodio de eutrofización e proliferación de cianobacterias tóxicas da primavera e verán de 2011.