logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Para qué e para quen son as concentracións parcelarias?

Santiago, 02-11-2016

Ao finalizar o Consello da Xunta do pasado 21-10-2016 o Sr. Núñez Feijóo anunciou públicamente que a Xunta de Galicia adicou no presente ano 23,4 millóns de euros a procesos de concentración parcelaria e, de acordo coas novas de prensa, asegurou que unha das prioridades da vindeira lexislatura será o sector primario e agroalimentario, así como a concentración de terras, que se fará de forma, «moi pensada, moi selectiva, no entorno das explotacións agrogandeiras».

O Artigo 68 da Lei 12/2001 de modificación da Lei de concentración parcelaria de Galicia establece textualmente que “Transcorridos dous anos desde a autorización da acta de reorganización da propiedade -que supón a finalización do proceso concentrador de que se trate-, a consellería competente en materia agraria deberá realizar unha avaliación da zona de concentración para valora-lo grao de consecución dos obxectivos fixados, entre outros o cumprimento dos plans de aproveitamento de cultivos, a utilidade económica e social así como a fixación de poboación no medio rural. Transcorridos catro anos desde a autorización da acta a que se refire o parágrafo anterior, levarase a cabo unha nova avaliación dos resultados acadados”.

Co gaio do décimo aniversario da promulgación da Lei 12/2001 o 06-09-2011 SGHN solicitou ao Conselleiro de Medio Rural (PDF) que a informase sobre:

  • O número de concentracións parcelarias finalizadas dende a entrada en vigor da Lei 12/2001 e a superficie total afectada.
  • O número de concentracións parcelarias ás que se realizou a avaliación “transcorridos dous anos” establecida polo Artigo 68 da Lei 12/2001 e os resultados de ditas avaliacións.
  • O número de ditas concentracións parcelarias ás que se realizou a avaliación “transcorridos catro anos” establecida polo Artigo 68 da Lei 12/2001 e os resultados de ditas avaliacións.

Ao non obter resposta á dita solicitude, SGHN reiterouna á Conselleira de Medio Rural e do Mar con data 21-03-2012 (PDF) obtendo de novo o silencio por resposta. Transcorridos xa 15 anos da promulgación da Lei 12/2001 de modificación da Lei de concentración parcelaria de Galicia, e máis de 5 anos dende a primeira petición de información presentada por SGHN, cabería pensar que ou ben ditas avaliación dos resultados das concentracións parcelarias (legalmente obrigatorias) nunca se fixeron ou que os resultados das mesmas son tan negativos que a Xunta non se atreve a facelos públicos.

En calquera caso, a lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Ley 38/1995 e Ley 27/2006) e galega (Ley 1/1995) garante o dereito de acceso á información ambiental no prazo dun mes e, xa que logo, SGHN ten legalmente dereito a unha resposta ás súas preguntas, polo cal ven de dirixirse ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF) reiterándolle a petición de información e solicitando ademais coñecer cales serán os criterios para impulsar as novas concentracións parcelarias que anuncia se farán de forma «moi pensada, moi selectiva, no entorno das explotacións agrogandeiras».

As Maus (Vilar de Barrio, Ourense) antes (ano 2009) e despois (ano 2014) da concentración parcelaria. Imaxes descargadas do visor de Información Xeográfica de Galicia http://mapas.xunta.gal/visores/basico/

Avaliación dos resultados obtidos coas concentracións parcelarias

¿NON TEÑEN A INFORMACIÓN OU NON A QUEREN DAR?

Con data 06-09-2011 (PDF) SGHN solicitou á entón Consellería de Medio Rural información sobre o número de concentracións parcelarias finalizadas dende a entrada en vigor da Lei 12/2001, de concentración parcelaria de Galicia, e a superficie total afectada. Tamén se solicitaba información sobre o número de concentracións parcelarias ás que se realizou a avaliación transcorridos dous e catro anos establecida polo Artigo 68 da Lei 12/2001, así como os resultados de ditas avaliacións.

Transcorrido xa máis de medio ano da solicitude, SGHN aínda non obtivo resposta polo que, ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, ven de reiterar a súa demanda a actual Consellería do Medio Rural e do Mar (PDF).

 

Lei de Concentración Parcelaria de Galicia: 10 anos para a reflexión

O vindeiro sábado 10 de setembro cúmprense 10 anos da promulgación da Lei 12/2001, de modificación da Lei de concentración parcelaria de Galicia, un periodo suficientemente longo xa para facer unha análise seria e sosegada dos resultados que se están a obter co actual modelo de concentracións parcelarias.

Dita análise, ademais, é unha obriga legal derivada da propia Lei 12/2001 que no seu Artigo 68 establece textualmente que “Transcorridos dous anos desde a autorización da acta de reorganización da propiedade -que supón a finalización do proceso concentrador de que se trate-, a consellería competente en materia agraria deberá realizar unha avaliación da zona de concentración para valora-lo grao de consecución dos obxectivos fixados, entre outros o cumprimento dos plans de aproveitamento de cultivos, a utilidade económica e social así como a fixación de poboación no medio rural. Transcorridos catro anos desde a autorización da acta a que se refire o parágrafo anterior, levarase a cabo unha nova avaliación dos resultados acadados”.

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Rural (ver PDF) toda a información dispoñible sobre:

  • O número de concentracións parcelarias finalizadas dende a entrada en vigor da Lei 12/2001 e a superficie total afectada.
  • O número de concentracións parcelarias ás que se realizou a avaliación “transcorridos dous anos” establecida polo Artigo 68 da Lei 12/2001 e os resultados de ditas avaliacións.
  • O número de concentracións parcelarias ás que se realizou a avaliación “transcorridos catro anos” establecida polo Artigo 68 da Lei 12/2001 e os resultados de ditas avaliacións.

A análise de dita información, e a consecuente adaptación do modelo e o método de concentración parcelaria se fose preciso, é hoxe máis máis imprescindible que nunca tendo en conta a situación actual de grave crise económica e déficit público que está a obrigar a medidas excepcionais para o control do gasto público. Aínda que non está contemplado na Lei 12/2001, sería tamén moi necesaria unha avaliación do impacto das concentracións parcelarias xa realizadas sobre os hábitats de interese comunitario e sobre as especies ameazadas ou de interese para a conservación.

 

AVALANCHA DE CONCENTRACIÓNS PARCELARIAS
Unha ducia de proxectos de Ourense e Pontevedra a consultas públicas nun mes

Entre mediados de decembro de 2010 e mediados de xaneiro de 2011 a SGHN respostou ás 12 “Consultas sobre Decisión de Avaliación de Impacto Ambiental” (EIA) que recibiu sobre outros tantos proxectos de concentración parcelaria promovidos pola Consellería de Medio Rural, dez na provincia de Pontevedra e dous na de Ourense, que totalizan unha superficie de 16.604 ha.

  1. Aciveiro (Forcarei, Pontevedra): 2.099 ha.
  2. Briallos (Portas, Pontevedra): 345 ha.
  3. Camposancos (Lalín, Pontevedra): 250 ha.
  4. Curro e Portela (Barro, Pontevedra): 962 ha.
  5. Dúas Igrexas (Forcarei, Pontevedra): 1.150 ha.
  6. Madalena, San Cristovo, Medeiros, Vilaza e Flariz (Monterrei, Ourense): 3.800 ha.
  7. Millerada (Forcarei, Pontevedra): 2.900 ha.
  8. Rubiós, Tortóreos e Ribarteme (As Neves, Pontevedra): 427 ha.
  9. San Martiño de O Cello (Lalín, Pontevedra): 181 ha.
  10. S. Pedro de Burgo, S. Xoán de Camba e Sta. María de Vilamaior de Caldelas (Castro Caldelas, Ourense): 2.070 ha.
  11. San Xiao de Arnois, San Estevo de Oca, Castro e Sta. Mª de Loimil (A Estrada, Pontevedra): 756 ha.
  12. Santo André de Souto (A Estrada, Pontevedra): 1.665 ha .

A análise da información recibida revela unhas tendencias comúns preocupantes xa salientadas no anterior informe da SGHN (novembro 2009) sobre o modelo de concentracións parcelarias en Galicia (Máis...):

  • Ningún proxecto avalía a rendibilidade agrícola, social e económica dos proxectos e, mesmo, nin siquera a obtida con concentracións previas na mesma parroquia (caso nº 11).
  • Os proxectos contemplan a concentración parcelaria de terras mediocres ou non aptas para a agricultura nunha proporción moi elevada, ata o 20-40% do total en diversos casos (casos 5, 6, 7, 9 e 12).
  • En tres proxectos (casos 1, 5 e 8) contémplase a concentración parcelaria de hábitats de conservación prioritaria e/ou Lugares de Interese Comunitario. Neste punto nótase un pequeno avance con respecto ó anterior informe da SGHN sobre o tema pois en dous casos (7 e 11) os proxectos si contemplan acertadamente a exclusión destas zonas.
  • Agás en tres proxectos (casos 3, 5 e 12) non se facilita información demográfica detallada da(s) parroquia(s) a concentrar, a gravidade da evolución poboacional téntase enmascarar proporcionando os datos globais do concello (menos desfavorables ó incluir a cabeceira municipal e, ás veces, comarcal), que de todolos xeitos xa proxectan sombras de dúbida sobre a viabilidade demográfica da concentración parcelaria, pois na metade dos concellos máis dunha quinta parte da poboación está xubilada na actualidade (casos 4, 6, 7, 10 e 12) e nalgún deles acádase mesmo o 40 % (casos 6 e 10), e con taxas de perda de poboación do 1-3 % anual (casos 4, 5, 6 e 12).
  • Na metade dos proxectos xa se recoñocen, máis ou menos explícitamente, as dúbidas sobre a eficacia e/ou viabilidade da concentración parcelaria:
    • "O elevado número de propietarios, impide un índice de reducción de parcelas significativo, polo que a mellora nas propiedades das explotacións existentes non alcanzarán un cambio sustancial.” (caso 2).
    • “Segundo os datos obtidos do Instituto Galego de Estatística e as propias entrevistas cos agricultores da parroquia obxecto deste estudio, as expectativas de sucesión xeneracional das explotacións é moi pobre dado que cada vez hai menos mán de obra para labrar as terras e incluso non se observa especialización de ningún tipo por parte dos agricultores desta parroquia.“ (caso 9).
    • “A principal conclusión extraída da presente análise é que a poboación do concello ... e por extensión a da zona de estudo presenta importantes problemas demográficos que comprometen a súa potencialidade futura. Esta afirmación está fundamentada en 25 anos de regresión poboacional, envellecemento da poboación, falta de reemprazo xeracional, baixo nivel de formación e alta taxa de paro.” (casos 5 e 8).
    • “En una buena parte de los terrenos, en aquellos suelos pobres tan abundantes por la zona, el cereal (centeno) es casi el único cultivo posible” (caso 6).
    • “A outra faciana tras a análise do aspecto demográfico e moi a ter en conta, é que as terras concentradas deixen de ser explotadas por falla de habitantes e polo tanto de labregos. Este é un risco que temos que asumir e que suporía o fracaso do proceso de concentración.” (caso 3).

Á vista do devandito, a SGHN reiterou nas súas alegacións ós proxectos (ver PDF) a necesidade de:

  • Excluir dos procesos de concentración as zonas comprendidas dentro de Lugares de Interese Comunitario, Zonas de Especial Protección para as Aves e Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os hábitats de conservación prioritaria de acordo coas Directivas da Unión Europea, as zonas consideradas hábitats de taxóns ameazados a nivel estatal (Libros vermellos) ou autonómico (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) e áreas de protección de bens do patrimonio cultural.
  • Preservar as masas e sebes de árbores e arbustos autóctonos.
  • Preservar, sen “acondicionar” ou modificar, dos os prados de sega e os cauces fluviais, as ripisilvas, as brañas e as chairas de asolagamento dos ríos.
  • Incluir nos procesos de concentración parcelaria só as terras agrícolas de calidade: clases agrolóxicas I a IV, só excepcionalmente a clase V se son áreas pequenas (< 5 ha) mesturadas entre as de clase I a IV.
  • Avaliar con exactitude da productividade das terras antes da concentración parcelaria, en termos económicos e agrícolas.
  • Establecer con claridade dos obxectivos que se pretenden acadar coa concentración parcelaria: demográficos, en termos de fixación ou incremento da poboación rural, e de productividade, en termos económicos e agrícolas. O cumprimento deste requisito é máis imprescindible que nunca tendo en conta a situación actual de grave crise económica e déficit público que está a obrigar a medidas excepcionais para o control do gasto público.

 

AS CONCENTRACIÓNS PARCELARIAS EN GALICIA 2008-2009
A realidade descoñecida pola opinión pública

Entre abril de 2008 e outubro de 2009, a SGHN respostou ás 15 “Consultas sobre Decisión de Avaliación de Impacto Ambiental” (EIA) que recibiu sobre outros tantos proxectos de concentración parcelaria promovidos pola Consellería de Medio Rural en doce concellos das catro provincias galegas. En base á análise detallada da información recibida en soporte informático, que totaliza máis de 4100 páxinas (planos excluidos) e revela unha serie de denominadores comúns á totalidade ou unha proporción significativa de ditos proxectos, factores comúns que se discuten deseguido:

  • Alomenos dez dos proxectos afectan a Lugares de Interese Comunitario, hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea ou hábitats de especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
  • En ningún se avalía a productividade económica e agrícola das terras antes da concentración parcelaria nin se establecen os obxectivos de productividade que se pretenden acadar. Polo tanto, será imposible avaliar o éxito ou o fracaso de ditas concentracións, é dicir, dun investimento de entre 44,8 e 54,7 millóns de euros de fondos públicos.
  • Malia os retrasos, de ata 27 anos, dende o inicio da tramitación das concentracións parcelarias os EIA non avalían se as concentracións seguen a ser necesarias tendo en conta os cambios socioeconómicos e demográficos acontecidos dende entón.
  • Máis da metade dos proxectos contemplan concentrar terras marxinais para a agricultura (forte pendente, solos moi superficiais, risco de erosión severa), polo que a súa rendibilidade económica é moi dubidosa e os riscos ambientais son moi importantes. A posta en cultivo de ditas terras marxinais é aínda máis ilóxica tendo en conta o desplome da poboación en ditas zonas (perdas anuais do 1-2% dos habitantes) e o forte envellecemento da poboación.
  • Malia as irrefutables evidencias de fracaso da concentración parcelaria das terras agrícolas nalgunhas parroquias, preténdese aplicar o mesmo modelo ás terras forestais desas mesmas parroquias ou ás terras agrícolas de parroquias veciñas.
  • Nalgúns proxectos, resulta inquietante a inclusión de obxectivos absolutamente alleos á Lei 12/2001 de Concentración Parcelaria como o de “propiciar a urbanización”¿vanse a preparar os terreos con fondos públicos para que logo haxa un novo “pelotazo urbanístico” na zona de concentración, como xa aconteceu nos arredores da capital galega?

Zona_sen_concentrarZona_concentrada

Fotografías: Vistas aéreas de dúas zonas próximas na Limia, unha sen concentrar en Rairiz de Veiga (esquerda) e outra concentrada en Porqueira (dereita) obtidas do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)

Por todo elo, a SGHN solicitou ó Presidente da Xunta de Galicia e ós Conselleiros con competencias na materia (Consellería de Medio Rural para os proxectos, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para o EIA) un replantexamento do modelo de concentracións parcelarias en Galicia en base a criterios de sustentabilidade ecolóxica, rendibilidade económica e beneficios sociais e demográficos, replantexamento que, a xuicio da SGHN, pasa necesariamente por:
  • Excluir dos procesos de concentración as zonas comprendidas dentro de Lugares de Interese Comunitario, Zonas de Especial Protección para as Aves e Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, así como os hábitats de conservación prioritaria de acordo coas Directivas da Unión Europea.
  • Preservar as masas e sebes de árbores e arbustos autóctonos.
  • Preservar, sen “acondicionar” ou modificar, os cauces fluviais e as zonas asolagables.
  • Incluir nos procesos de concentración parcelaria só as terras agrícolas de calidade: clases agrolóxicas I a IV, só excepcionalmente a clase V se son áreas pequenas (< 5 ha) mesturadas entre as de clase I a IV.
  • Avaliar con exactitude a productividade das terras antes da concentración parcelaria, en termos económicos e agrícolas.
  • Establecer con claridade os obxectivos que se pretenden acadar con cada concentración parcelaria: demográficos, en termos de fixación ou incremento da poboación rural, e de productividade, en termos económicos e agrícolas.

Para máis información véxase PDF Concentracións parcelarias.